Caza de bruxas e prensa ruidosa


«O pobo americano non sabe o que lle convén. Eu si. Sei exactamente o que necesita… Son como nenos pequenos». Con esta mensaxe inquietante arrinca o vídeo que serve como avance á quinta tempada da serie House of Cards. A ficción que retrata á política estadounidense como un niño de víboras e que converteu nunha icona ao desapiadado presidente Underwood volve pronto ás pantallas. O seu regreso coincide cos peores momentos de Trump. Está baixo sospeita pola sombra da posible inxerencia do Kremlin nas eleccións que gañou. 

De momento non hai probas, pero si numerosos indicios, trazos e conexións por explorar. E causan moito ruído. Tanto que o impeachment (destitución presidencial) deixou de ser un escenario debuxado en teorías da conspiración para converterse nun posibilidade real (aínda que remota). «Eu creo que Putin paga a Trump». A frase foi pronunciada no 2016 por un dos líderes parlamentarios do seu partido. Fíxoa pública agora o Washington Post. E causou un novo escándalo. O presidente despéxao dicindo que hai unha «caza de bruxas» contra el. Debería contratar aos Underwood, que tamén atacan á «prensa ruidosa que prefire centrarse no pasado en lugar de falar do presente». ¿Quen distingue ficción e realidade?

Votacin
4 votos