«As solicitudes de axudas á Xunta duplicáronse»

P. G. Ou. CARACAS / CORRESPONDENTE

INTERNACIONAL

Santi M. Amil

O vicepresidente da Irmandade Galega de Venezuela, José Alejandro González, di que moitos emigrantes están a pensar en retornar

27 abr 2017 . Actualizado ás 10:59 h.

 O número de consultas feitas no consulado de España en Caracas por españois que buscan axudas destinadas a emigrantes retornados ou información sobre baixa consular hase máis que duplicado. Case un centenar de persoas acoden cada día a pedir axuda para regresar a España, sinalou o vicepresidente da Irmandade Galega de Venezuela e membro do Consello de Residentes no Estranxeiro (CRE) do Consulado español, José Antonio Alejandro.

-Como é a situación do colectivo galego en Venezuela?

-Afortunadamente, só temos coñecemento dunha persoa afectada, un médico, Óscar Noya, que foi detido durante a manifestación opositora do 19 de abril durante un par de horas. Non estaba directamente involucrado na manifestación, senón prestando a súa axuda profesional a unha parella que presentaba asfixia por inhalación de gases lacrimóxenos. O club si está afectado o seu funcionamento normal, porque o colexio (Castelao), moitos días, tivo que deixar de dar clases polas protestas ou porque os pais non están a mandar aos seus fillos ao centro por medo. Polas noites, tamén a Irmandade está practicamente baleira, o que é normal. Nós seguimos ofrecendo os nosos servizos, pero vai moi pouca xente.

-Tiveron un incremento nas solicitudes de axuda que se xestionan a través do club?

-Si, sin duda. Na Irmandade funciona unha oficina de axuda da Xunta de Galicia, e o número de axudas que se xestionan a través desa oficina pasou de recibir 1.145 solicitudes no primeiro trimestre do ano pasado a máis de 2.000 no mesmo período de 2017. O ano pasado, dese total, xestionáronse unhas 700 axudas, este ano están en proceso de aprobación, pero iso é en España. Igualmente, tivemos un gran incremento no número de axudas que xestiona a propia Irmandade cunha partida da que dispón e no número de solicitudes de axudas para medicamentos, cun plan de troco que habemos implementado. Por suposto, a crise aperta duro e o colectivo galego non está exento diso.

-E sobre o número de xente que está a planificar retornar, notaron un incremento?

-Como membro do Consello de Residentes no Estranxeiro pódoche dicir que o número de persoas que están a solicitar información sobre axudas ao retornado ou sobre baixas consulares no Consulado de España incrementouse notablemente. Hoxe, case o 15 % das persoas que se atenden diariamente, que son unhas 750, están a preguntar sobre baixa consular ou sobre axudas ao retornado. Este dato é máis do dobre do rexistrado o ano pasado. Son unhas cen consultas diarias e, aínda que non significa que todas se vaian ir, si quere dicir que moita xente está a pensar en ter polo menos a súa documentación lista. O número de baixas consulares que se xestionaron no primeiro trimestre é de 3.100.