A Liga Norte italiana négase a acoller a máis inmigrantes

María Signo ROMA / CORRESPONDENTE

INTERNACIONAL

GIOVANNI ISOLINO | AFP

Case 6.000 persoas foron rescatadas no Mediterráneo durante a fin de semana

09 jun 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

O fluxo de inmigrantes que non cesa en Italia -esta fin de semana foron rescatadas do mar preto de 6.000- está avivando a guerra entre o norte do país, gobernado pola xenófoba Liga Norte, e o Goberno de Matteo Renzi. Os gobernadores da Lombardía, Roberto Maroni; do Véneto, Luca Zaia, ambos de Liga Norte, e o recentemente elixido na Liguria, Giovanni Toti, de Forza Italia, néganse a acoller máis inmigrantes e ameazan con recortar as axudas a aqueles concellos que acepten novos desprazados. Maroni está estudando o modo de prohibir a transferencia deses fondos porque, segundo el, «son fondos que decido eu onde van». Mentres, o líder da Liga Norte, Matteo Salvini, propuxo ocupar as delegacións do goberno como protesta.

Renzi respondeu ofrecendo incentivos aos concellos que se fagan cargo dos recentemente chegados. Ademais lembrou que a decisión de repartir aos inmigrantes proporcionalmente polas diversas rexións tomouse cando á fronte do Ministerio do Interior estaba Maroni.

Repartición proporcional

Para o gobernador da Lombardía a súa rexión é a terceira en Italia por número de inmigrantes, pero os datos contradino xa que, segundo o último informe do Interior publicado en marzo, Sicilia acolle o 21 % seguido do Lazio co 13 %, mentres que as tres rexións rebeldes xuntas, -a Padania, imaxinada polos separatistas do norte-, só chegan ao 15 %. O desequilibrio é evidente xa que case todo o peso da acollida de inmigrantes está a recaer en Sicilia, onde hai unhas 9.000 persoas máis das que lle corresponden.

En Interior decidiron que hoxe empezarán as operacións para enviar unhas 5.000 persoas ao norte, sobre todo ás rexións que non cubriron a súa cota, e para iso estanse habilitando cuarteis e edificios en desuso. Gran parte dos transferidos forman parte dos 5.851 inmigrantes que chegaron esta fin de semana.

No que vai de ano son case 50.000 os inmigrantes que chegaron a Italia e o sistema está a piques de colapsar con 90.000 persoas acollidas e coa perspectiva de que sigan aumentando nos próximos días. O Goberno fixo un chamamento ás rexións para preparar uns 7.500 postos de acollida canto antes, petición á que algunhas rexións do norte responderon cunha negativa.