Jozabed: «O que quería desde que cheguei en xaneiro era seguir no Celta »

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

M.MORALEJO

O centrocampista responde ás preguntas da afección celeste

27 jul 2017 . Actualizado ás 13:49 h.

O céltico Jozabed deu resposta a algunhas das preguntas que os afeccionados lle enviaron a través de Twitter co hashtag #JozabedResponde. Un vídeo de Celta Media mostra ao xogador resolvendo algunhas das curiosidades do celtismo sobre el, desde o seu nome ata como viviu as negociacións que acabaron co seu regreso ao club.

O centrocampista empeza falando de que é o que máis lle gusta de Vigo e do celtismo. En canto á cidade, decántase por «as vistas desde a montaña coa ría e as Cíes ao fondo» cando baixa da Madroa, e as propias illas, que tivo a oportunidade de coñecer hai pouco. «O celtismo demostrou ser unha gran afección, estivo sempre co equipo, deu apoio nos momentos que necesitabamos e oxalá que siga igual que o ano pasado», sinalou.

Asegura que viviu con calma a negociación para a súa volta a Vigo fóra dos últimos días, nos que apareceron os nervios. «O Celta mostrou a súa confianza en min, estiven tranquilo talvez menos na última parte», se sincera. E móstrase satisfeito con que todo chegase a bo porto. «É unha alegría e unha satisfacción estar no sitio que quería, onde tan ben estivera os meses anteriores. Para un xogador é importante sentirse a gusto e valorado para poder render ao máximo e era o que quería desde que cheguei aquí en xaneiro. Agora toca traballar para poder gozar estes catro anos».

Confesa Jozabed que o seu primeiro ídolo da infancia foi Zidane e que despois tamén se fixou moito en Xavi, pero se tivese que elixir un futbolista ao lado do que xogar hoxe en día sería Messi, ao que considera o mellor do mundo. E sobre si mesmo, comparte a que cre que é a súa mellor virtude: «Pensar un pouco antes de recibir o balón, intentar saber que vou facer a continuación. Gústame xogar doado, non facer xogada difíciles que case sempre acaban en nada, estar sempre a disposición do equipo, xogar rápido e moverme entre liñas é o que máis me gusta», aclara.

Outra curiosidade do celtismo é cal foi o momento máis espectacular que viviu co equipo. Aí Jozabed non ten ningún tipo de dúbida. «O partido de Manchester. Non tivo o final que todos desexabamos, pero creo que se viu a un bo equipo, tamén a unha grandísima afección na bancada apoiándonos, máis de 4.000 persoas creo lembrar».

E dá resposta ao asunto do seu nome, que aclara que se pronuncia como soa. «É así, Jozabed, pero no ámbito deportivo estou acostumado a que me chamen Yosa ou Yosabed. O nome foi cousa da miña nai, eu aí pouco teño que ver. Di que é bíblico, non sei de onde o sacou ou a quen llo escoitaría», comenta. Ademais, relata que o ano pasado no vestiario puxéronlle como sobrenome Mexicano. «Chamábamo ata Berizzo».