O Celta B prescinde de case todos os seus xogadores foráneos

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

XOAN CARLOS GIL

Onte anunciou oito baixas, das que sete se corresponden a xogadores que ficharan procedentes de fóra de Galicia

24 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O novo proxecto do Celta para a súa filial xa está en marcha e tras o anuncio de que Rubén Albés será o encargado de dirixir ao equipo en substitución do asturiano Alejandro Menéndez, hanse oficializado as primeiras baixas. O club comunicou onte que oito xogadores non continuarán.

Todos os futbolistas que non vestirán a camisola celeste o próximo curso son fichaxes que chegaron de fóra de Galicia para reforzar o filial, salvo Ángel Fraga. O porteiro do equipo xuvenil de División de Honra, canteirán, acabou sendo parte importante no segundo equipo e mesmo foi convocado nalgunha ocasión co primeiro. El mesmo anunciara que non continuaría no Celta o próximo ano, o mesmo que Néstor Díaz, gardameta que chegara en xaneiro do 2015 á Madroa.

Tampouco seguirán Juan Mera, Adri Castellano , Gus Ledes e Roger Riera , futbolistas cos que no seu momento o Celta quixo apontoar á súa filial para intentar dar un paso máis na táboa clasificatoria. Hicham Khaloua e Joao Gomes tamén abandonan a disciplina céltica, pero no seu caso é tras acabar o seu período de cesión.

«O Real Club Celta desexa expresar o seu sincero agradecemento a todos elas pola súa dedicación, entrega e compromiso como futbolistas celestes e desexarlles o maior dos éxitos nas súas novas etapas profesionais. ¡Boa sorte!», rezaba o comunicado co que o club vigués anunciou as baixas.

As decisións por tomar

Tras unha tempada na que o Celta B quedou ás portas de ascender a Segunda, o club debe revisar cal será o obxectivo co que competirá á volta de verán. Rubén Albés será o encargado de dirixir o persoal, pero queda por ver que sucederá con futbolistas importantes. O que parece claro é que quedarán sen Borja Iglesias , o home gol do equipo e pichichi da categoría. O propio xogador recoñeceu que realizará a pretemporada co primeiro equipo que dirixirá Juan Carlos Unzué e a súa intención é pelexar por quedar. En todo caso, se non convence o adestrador, equipos interesados non lle van a faltar. Un bo puñado de clubs de Segunda División xa mostraron o seu interese por facerse cos servizos do compostelán.

Ata agora, a única fichaxe que se pechou para o filial, pero que non é oficial, é o do alemán de orixe galega Dennis-Yerai Eckert, internacional sub-19 co combinado xermano e que asinará por dúas tempadas con opción a outras dúas. O dianteiro chega libre procedente do Borussia Mönchengladbach e ten 20 anos.