Curva Celeste, unidos polo celtismo, a amizade e a música

M. V. F. VIGO

BANCADA DE RÍO

cedida

O groso desta pena viguesa son celtistas que exercen de DJ's

16 jun 2017 . Actualizado ás 10:31 h.

«Talvez sexamos a pena celtista con máis ritmo», di Miguel Dourado. É o presidente de Curva Celeste, unha agrupación nada no penúltimo ano do equipo en Segunda como iniciativa dun puñado de afeccionados que teñen tres elementos principais en común: «A amizade entre nós, a afección polo Celta e que unha alta porcentaxe dos peñistas somos disc-jockeys”, revela.

Xuntos, nomes como Rodri Veigas, Fani Villa , DJ Charlie, Xoel Muíños ou o propio Miguel organizan, por exemplo, a festa de San Xoán no Camaleón de Samil. Pero máis aló diso, a todos eles é habitual verlles apoiando ao Celta desde a bancada de Marcador. «Estamos na curva con Tribuna, e de aí veu o nome», lembra Dourado. Tiñan naquel momento entre 25 e 26 anos. «Somos celtistas de sempre, pero moitos habiamos ir a estudar fóra. Así que o típico, aguantas o carné un ano ou dous peros ao non ir nunca o deixas pensando en retomalo cando volvas a Vigo».

Nese momento do retorno á cidade de varios deles naceu, xa de regreso nas bancadas do municipal vigués, a idea da pena. «Imaxino que foi como lles pasa a moitas, que empezou como unha broma o tema de temos ‘que facer unha pena'», rememora. A broma superou as dificultades -trámites burocráticos que lles eran alleos e que estiveron a piques de facerlles tirar a toalla- e acabou saíndo adiante e integrándose na familia peñística celeste.

Comezaron sendo un grupo reducido e agora son ao redor de medio centenar. Tampouco aspirar a ser moitos máis. Caracterízanse por unha mentalidade familiar, de ser todos celtistas que se coñecen entre si. «Moita xente nin nos coñece, somos unha pena humilde e levámolo dun xeito máis livián. Quítome o chapeu coas penas que teñen unha chea de membros, que viaxan todas as fins de semana e levan as súas pancartas ao estadio, pero non somos así», debulla. Nin se expoñen campañas para captar adeptos. «Non facemos moito por crecer. Todos nos coñecemos e os que se incorporan son amigos de amigos. Para nós é importante que sexa así».

A súa actividade principal como pena -«facemos infinidade de cousas xuntos, pero como amigos, non só relacionadas co Celta »- son as previas e o torneo de penas. Nas primeiras, cada partido, teñen dous bares predilectos, xa que non dispoñen de sede. «Adoitámonos xuntar no Ouro ou o Sobran vos motivos. Como a uns lles gusta máis un dos bares e a outros, o outro, adoita depender do que chegue primeiro”, confesa. En canto ao torneo de penas, acadaron as semifinais nesta última edición. «¡Somos malísimos, pero vese que os hai peores!», chancea.

Aínda que a maioría roldan a trintena, hai outra xeración dos irmáns maiores de Miguel que están entre os 40 e os 50 anos. E logo está o futuro en pequenos como a súa propia filla, Daniela, que acaba de cumprir o seu primeiro ano: «Saíu do hospital co body do Celta », presume. O futuro, garantido.