Unha luz no medio das sombras

Xosé Ramón Castro
x. r. castro VIGO / LA VOZ

BANCADA DE RÍO

O medio ano de Costas no Oviedo, o mellor dun curso no que Álex e Madinda xogaron bastante e Drazic apenas existiu

12 jun 2017 . Actualizado ás 08:22 h.

Acabouse a Segunda División e os cedidos do Celta deben regresar a Vigo. Os cinco teñen contrato en vigor para a próxima tempada pero só David Costas parece contar con opcións reais de poder quedar. Porque rendeu a un excelente nivel na media tempada que se pasou no Oviedo e porque o novo corpo técnico do Celta foi o que lle deu a alternativa en Primeira División. No entanto, hai que ter en conta que a operación retorno apenas existe no Celta , que desde o seu regreso a Primeira só repescó a Yoel Rodríguez un ano. E ao propio Costas seis meses a campaña pasada tras o seu paso polo Mallorca. 

Álex López

Sen o ascenso se esfumó a opción de compra do Valladolid  

A Álex López réstalle un ano máis de contrato co Celta , ata xuño do 2018. Cando o verán pasado Paco Herrera decidiu levarllo ao Valladolid fíxoo cunha opción de compra obrigatoria se o equipo valisoletano ascendía a Primeira, pero os de Zorrilla quedaron mesmo sen play-off ao finalizar como sétimos. O ferrolán do Celta tivo unha tempada con altibaixos. Volve tras xogar 31 partidos, 25 deles como titular, pero perdendo protagonismo aos poucos. De feito, no mes de marzo, en plena crise valisoletana, ata desapareceu dalgunha convocatoria de Herrera, que sempre foi a súa valedor. Con 29 anos parece difícil que poida ter un sitio no Celta do próximo curso. A tempada pasada, recentemente chegado do Sheffiedl Wednesday apenas estivo unhas semanas ás ordes do Toto Berizzo. 

David Costas

Aproveitou a segunda volta da tempada no Oviedo 

Fernando Hierro deulle continuidade desde o primeiro día e Costas disputou 19 dos 21 partidos da segunda volta no Oviedo. Ademais, de azulón descubriu a súa vea goleadora con tres tantos, dous deles ao principio do seu préstamo. Mesmo foi nomeado mellor xogador do equipo durante o pasado mes de abril. O de Chapela ten dous anos máis de contrato co conxunto vigués e dada a súa mocidade (ten 22 anos) é o que conta con máis posibilidades de facer a pretemporada e poder quedar. No entanto, tampouco pode descartarse unha terceira cesión despois do seu paso anterior polo Mallorca. Cada vez que regresou foi dando un paso máis, en madurez e en fútbol. 

Levy Madinda

O Nástic ten unha opción de compra sobre o gabonés 

SILVIA ALONSO

A Madinda queda un ano máis de contrato co Celta e non parece nada probable que vaia a cumprilo. A opción máis vantaxosa para todas as partes podería estar en que o Nástic (equipo no que leva dous anos) aplicase a opción de compra da que dispón, que seguramente sería revisable. Nun equipo que sufriu todo o curso en busca da salvación, Levy foi utilizado en 30 encontros, tres deles de Copa do Rey . Madinda comezou xogando durante o primeiro tramo de tempada dun modo asiduo, combinando despois aparicións no once con outras desde o banco, aínda que gozando case sempre dun protagonismo importante. 

Deixan Drazic

Un futbolista con contrato ata o 2020 que tampouco callou en Valladolid 

M.MORALEJO

Hai dous anos que Drazic chegou ao fútbol español e en ningún dos dous proxectos nos que estivo chegou a callar. Se en Vigo non contou na súa primeira campaña, en Valladolid repetiuse a historia. Só foi titular nun (ante o UCAM Murcia) dos 15 partidos que chegou disputar (ningún deles completo). As poucas veces que tivo minutos foi na recta final dos encontros. A súa maior achega como blanquivioleta foi marcar dous goles ante o Tenerife (un delas na prórroga) que lle permitiron ao Valladolid superar rolda na Copa o Rey . Comprado no seu día ao OFK Beograd por 1,2 millóns de euros, o Celta debe buscarlle un encaixe nada doado para o futuro. O de regresar a Vigo parece unha utopía coa súa folla de servizos na man. 

Pedro Martín

Tres anos máis de contrato para un xogador que pasou medio ano polo filial 

Aínda que nunca pasou polo primeiro equipo, oficialmente Pedro Martín é un xogador cedido polo Celta que acabou a súa vinculación co descendido Mirandés. O dianteiro malagueño xogou 23 partidos e anotou tres goles, o último na tarde de onte nos Paxariños. Ten tres anos máis en Vigo pero non conta nin para o primeiro nin segundo equipo.