Liverpool a ritmo de «Rianxeira»

BANCADA DE RÍO

Óscar Vázquez

As experiencias europeas do Celtaa o longo dos anos deixaron unha infinidade de anécdotas

14 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Juan Sánchez marcou o primeiro gol europeo da historia do Real Club Celta . Foi na cidade romanesa de Pitesti, o 15 de setembro de 1998. No banco había un sobrevivente do debut do equipo olívico na UEFA vinte e sete anos antes; unha fugaz e infrutuosa eliminatoria. «Visitamos varias destilerías de whisky; impresionoume a afección escocesa que entoaba uns cantos que parecía que estabamos na catedral», lembrou Alvarito do seu paso por Aberdeen.

Cambiaran moito as cousas. Na nova andaina celeste apenas había españois, pero os resultados foron incribles. Tanto que empezaron viaxando co equipo 31 fieis, para concluír en Marsella varios miles. Polo medio houbo tempo para que A Rianxeira afogase o Never Walk Alone na cidade dos Beatles.

Un ano despois, os xogadores célticos comprobarían que os árbitros poden ser malos mesmo se son ingleses. Fronte ao Lausanne, en Suíza, o cadrelo Gary Willard tivo que mostrar tres cartóns amarelos a un suízo para convencerse de que merecía ser expulsado. Aínda que o Celta perdeu, non presentou ningún recurso, máis aló dos catro goles do partido de volta en Vigo.

Aquel mesmo ano, Jupp Heynckes e Ancelotti levaron dúas boas tundas en Balaídos; o primeiro sete goles co Benfica, mentres que o italiano acumulou catro balóns na súa portería. Naquel encontro xogaban para a Juventus, Zidane, Do Piero, Conte, Van der Sar, Davids....

Óscar Vázquez

A terceira tempada europea da idade dourada do Celta deixou algunhas curiosidades, como o cantil do campo croata do Rijeka, ou a presenza do ex céltico Bajcetic nas filas da Estrela Vermella de Belgrado. Na visita ao campo do Shakhtar, o porteiro arxentino Cavallero xogou con manga curta a pesar de estar a menos dezaseis graos.

Pero onde quedaron conxelados os célticos foi cando se enfrontaron ao Slovan Liberec. Foi a eliminatoria máis rápida da idade moderna do club olívico. Xa con Lotina no banco, os vigueses tiveron unha tempada nórdica con visitas gloriosas a Dinamarca e Noruega , e unha morte digna ante o outro equipo céltico europeo, o Celtic.

Pero tan brillante lustro non podía pecharse dunha forma mellor que accedendo á Liga de Campións. E iso que trescentos socios de Tribuna tiveron que ser reacollidos para crear a zona VIP que esixía a UEFA. Ao defensa valenciano Juanfran cábelle a honra de ter marcado o primeiro gol céltico nesta competición. Foi en Bruxas. Novamente, Ancelotti tivo a mala fortuna de cruzarse co Celta . O simpático adestrador italiano reunía naquel Milán unha auténtica selección mundial, con xogadores como Rivaldo, Shevchenko, Pirlo, Inzaghi....E aínda así empatou en Balaídos e perderon os rossineros no seu San Siro.

Naquela fase de grupos, que o Celta superou, os seguidores vigueses viron en acción a Ibrahimovic coa camiseta do Ajax. Despois chegou o Arsenal de Henry e concluíu o soño.

Tras pasar pola Segunda División, o Celta regresou a unha modificada UEFA, que presentaba unha fase de grupos. Os célticos superaron aquela fase e unha eliminatoria en Moscova, pero caeron en Bremen.