Cando a «Rianxeira» debe ser a resposta

Xosé R. Castro FONDO NORTE

BANCADA DE RÍO

17 may 2017 . Actualizado ás 10:28 h.

Poucas datas hai tan representativas para nós como o Día das Letras Galegas, como poucos partidos máis atractivos hai para o celtismo como a visita do Real Madrid.

As nosas letras sobreviviron a situacións de todo tipo dende a noite dos tempos e, salvando as distancias, o Celta viuse obrigado dende a suspensión do encontro o pasado mes de febreiro a sobrevivir a todo tipo de improperios e desconsideracións que chegaban dende a Meseta. Por iso, neste 17 de maio, ninguén pode esquecer á hora de pensar na visita do Real Madrid as acusacións recibidas. Que se en Vigo inventaron un temporal, que se o das uralitas era un conto chinés, que se había contubernio entre o alcalde Caballero e Mouriño, algo improbable arestora.

Agora, tres meses despois, resulta que a sospeita fala das primas e os altofalantes da desfachatez do Toto por aliñar ao seu mellor once para entregarlle a Liga en bandexa ao Barça. Como se Berizzo, home de letras, aínda que non en galego, non tivese bastante con morder a lingua logo de ver como o seu club, co que está negociando, lonxe de darlle o agarimo que merece, apunta ao factor económico como o punto da discordia para unha renovación que desexa todo o celtismo. Ou como se o once galáctico dos brancos non tivese todas as de gañar ante un rival canso e sumido na melancolía logo de quedar a un palmo da maior xesta da súa historia.

Pero o mellor do fútbol, seguindo a indiosincrasia dos galegos, é a súa capacidade de reiventarse e seguir cara adiante sen deterse en afrentas nin comentarios baleiros. Cando o balón rode en Balaídos a mellor resposta será entonar a Rianxeira.