Canto máis balón ao chan, máis posibilidades de seguir facendo historia

José Luis Mosquera

BANCADA DE RÍO

11 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Celta debe tratar máis de xogar o seu fútbol, que o sabe facer. Sempre que o equipo vigués teña o balón no chan vai pór moitas máis complicacións ao Manchester United porque por arriba eles son moi poderosos e a nivel físico moi fortes. Considero que o Celta ten mellor movemento de balón e maior mobilidade dos seus xogadores.

O conxunto vigués vive moito de mover o balón e na ida como non era capaz de facelo. Ata o minuto 30 o partido estaba igualado, pero a partir de aí o equipo comezou a sentirse incómodo, non era capaz de facer o seu xogo e mesmo perdía balóns en campo propio, o que xeraba desconfianza. Creo que o Celta equivocouse en Balaídos metendo moitos balóns arriba, o que era ir ao seu terreo.

Mourinho demostrou que contrarrestando o xogo dos rivais é dos mellores adestradores, porque mesmo cando roubaba sabía que a banda de Hugo Mallo estaba máis deshabitada e mandaba todo por aí.

Esta noite Berizzo ten que facer algo para saír un pouco do guion, porque se xoga do mesmo xeito o Manchester apostará por máis do mesmo. Por exemplo, se Iago Aspas xoga por dentro será distinto a que o faga por fóra, aínda que o máis importante é que o equipo saia convencido de ser fiel ao seu estilo, de ter a pelota e non rifarla.

Debemos ter en conta que isto é unha semifinal, ante un gran equipo cuns xogadores impresionantes a pesar das baixas. Pero aínda así, creo que se o Celta rende cos seus xogo terá posibilidades e se queda eliminado facendo o seu fútbol eu creo que lle debemos sacar o chapeu pola historia que fixeron esta tempada. Esta noite o equipo de Berizzo só ten cousas a gañar: se pasa segue facendo historia e se non, xa a fixo. Toda a presión é para o Manchester.