O dereito e a obrigación de soñar

Rafa Sáez DESDE O BANCO

BANCADA DE RÍO

10 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Cando se fala de remontada, non é só que sexa posible, senón que é obrigatorio soñala. É obrigado soñar porque non sabemos canto tempo tardaremos en volver ter unha oportunidade de gozar dunha semifinal e de disputala, porque realmente o marcador está aberto, e os antecedentes, xogando a domicilio, son motivo de esperanza, así que hai o dereito e a obrigación de soñar.

No partido de ida había unha diferenza de peso específico: un Manchester acostumado lidar en prazas e momentos importantes que non acusou para nada o ambiente nin a presión, e un Celta que estaba moito menos habituado a este tipo de situacións. Creo que a lección é que xogando con esa diferenza, a distancia quedou en só un gol e se o Celta recupera o nivel de xogo ao que nos ten acostumados nas eliminatorias a domicilio en Europa, ten opcións de estar na eliminatoria e gañar.

Hai moitas claves nun partido. Para gañarlle un duelo ao Manchester United na súa casa tes que xestionar moitas cuestións, e a primeira é a ambiental. Old Trafford é o Teatro dos soños e hai que lograr que o escenario non che supere, ser protagonista e coidar a mentalidade.

En canto ao xogo, o fundamental que o Celta recupere esa presión asfixiante no centro do campo que non deixa ao equipo rival traballar cómodo, que che permite a posibilidade de recuperar o balón na zona media e lanzar o mortífero contragolpe que ten. E, sobre todo, será fudamental non encaixar. Se se recibe outro gol, a eliminatoria poríase moi complicada.

Cando de nomes propios se trata, no equipo que dirixe Eduardo Berizzo paréceme que hai actores secundarios que son tan protagonistas como os principais. Dalgún xeito Iago Aspas ou John Guidetti viven dese traballo escuro no centro do campo pero fundamental de futbolistas como Tucu Hernández, impagable, de Radoja ou da achega de Wass... Hai actores secundarios moi importantes e en virtude do protagonismo que teñan dentro do encontro, poderán vivir máis os actores principais. Iago é a referencia e o que está baixo o foco, pero ao seu lado flúen futbolistas moi importantes e é decisivo que acheguen nese papel o que fan todos os días.