Gozar sen renunciar a nada

Santiago Cañizares A OPINIÓN DO EXPERTO

BANCADA DE RÍO

04 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Creo que ante todo o Celta ten que afrontar estes cruces contra o Manchester United como unha eliminatoria para gozar. Este tipo de partidos os afeccionados celestes sempre os viron por televisión e esta tempada teñen a ocasión de ver ao seu equipo como protagonista dunha semifinal continental, polo que é algo histórico para a afección e para o club. Pero aínda que ter chegado ata aquí sexa xa motivo de orgullo e celebración, non significa que o Celta deba renunciar ás súas opcións, porque estou convencido de que as ten e de que vai loitar por esgotalas ata o final.

Ninguén dubida de que o Manchester é superior, pero tamén hai que ter en conta que non vive nin moito menos o mellor momento da súa historia. O Celta ten que tratar de aproveitalo. Para poder facelo será fundamental non encaixar en Balaídos e sacar rendemento dos seus momentos e das súas ocasións, que seguro que as vai ter. O premio é moi grande e o rival difícil que sempre che toca nunha semifinal neste caso é o Manchester.

Adiviñar o que vai suceder no partido é complicado, penso que os detalles van ser moi importantes, pero o máis importante de todo é que o Celta sexa capaz de xogar con confianza como o vén facendo, de chegar vivo ao partido de volta e unha vez nel non verse aparvado ou impresionado polo ambiente que se vai atopar en Old Trafford. Pase o que pase, agradézolle a este equipo o moito que nos fixo gozar.