Berizzo:  «Un partido de Primeira nunca é un trámite»

La Voz VIGO

BANCADA DE RÍO

M.MORALEJO

O técnico do Celta lembra que deben saír fortalecidos do duelo ante o Athletic na véspera de recibir ao Manchester

30 abr 2017 . Actualizado ás 18:43 h.

«Un partido de Primeira nunca é un trámite». Así de contundente mostrouse esta mañá Eduardo Berizzo sobre o duelo de mañá fronte ao Atheltic Club en Balaídos no que os celestes non se xogan ningún obxectivo máis aló da posición final na táboa e que lles toca afrontar na véspera do que, pola contra, é seguramente o partido máis importante da súa historia: a semifinal de Europa League fronte ao Manchester United do xoves, tamén no municipal vigués. «Un debe mostrar que é futbolista de Primeira», incidiu o preparador do Celta .

O Toto cre que o partido é, ademais, unha oportunidade para que os futbolistas que participen -e avanzou que haberá rotacións- pelexen por «o seu lugar actual e futuro». Á parte de que cre que un bo resultado beneficiará ao equipo para o que vén. «Creo que debemos ser fieis á nosa identidade como equipo. É unha proba para todos e debemos saír fortalecidos».

Sobre o Athletic Club, falou referíndose ao conxunto que dirixe Ernesto Valverde de «un equipo tenso e sólido» que sempre ocupa os lugares que eles desexan e requiriralles aos celestes a súa «mellor versión» para ter opcións. Valorou tamén que «rematar ben a Liga é bo sinónimo de valoración inmediata» e asegurou que, aínda que o seu discurso segue calando no persoal, tamén será bo «atopar unha volta de porca».

Berizzo confirmou que non volverá probar sorte co sistema 4-4-2 de hai unha semana, ao que se referiu como «desterrado». «Sentímonos máis cómodos co noso debuxo tradicional», admitiu para finalizar a súa comparecencia. Antes abrira a porta á participación de Iván Villar «salvagardando a enteireza física de Sergio» e adiantou que haberá rotacións, que van coidar a Hugo Mallo e que xente como Wass, Guidetti, Fontás e Beauvue necesitan xogar. 

Para este partido están sancionados Cabral e o Tucu Hernández e lesionados Planas e Rubén, ademais de Rossi.