En crecemento tras burlar a Segunda B

Moncho Carneiro TRIBUNA

BANCADA DE RÍO

22 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O Celta está en continuo crecemento desde que eludiu o descenso a Segunda B cos dous goles de Iago Aspas. Desde aí todo foi positivo no deportivo e no económico.

Como todos os clubs con problemas económicos, apostouse por rapaces da canteira, acadando o punto máis álxido con Eusebio Sancristán, que chegou a aliñar a nove homes da casa no mesmo once.

Aos poucos, como en todos os sitios, a canteira ha ir perdendo protagonismo a medida que o equipo ía crecendo, pero aínda así no partido de Genk xogaron catro futbolistas da casa. E non falamos de nomes calquera, senón de xogadores consagrados e con peso dentro do equipo.

Acadar as semifinais é todo un fito histórico. Basta con lembrar que é a primeira vez que o conseguiu o equipo nos seus case 94 anos de historia. É un momento moi bonito do que todos debemos gozar sen descartar que o éxito aínda poida ser maior.

Porque son dos que cre que o fútbol lle debe un título ao club e que aínda non dixo a última palabra no torneo. É certo que o Manchester é un gran club e que a súa única vía para xogar a Champions a próxima tempada é a Europa League, pero a estas alturas xa daba igual o rival. Que o Ajax podía ser máis accesible por ter xente máis nova, podería ser, pero o importante para o Celta é manter a calma e ser el mesmo. Coincido con Berizzo, que un cadro vigués ao 100 %, é perigoso para calquera.