A Balaídos chova, trone... ou esteas de parto

BANCADA DE RÍO

María Vale foi directa do campo ao hospital para dar a luz ao seu fillo hai hoxe 20 anos

17 abr 2017 . Actualizado ás 18:35 h.

O seu mundo é celeste. Por iso, como practicamente toda na súa vida -segundo as súas propias palabras-, o nacemento do fillo da celtista María Vale tamén estivo vinculado ao Celta . Foi o 17 de abril de 1997, fai agora vinte anos. A véspera, o día 16, había cita en Balaídos. «Un Celta -Logroñés, o típico partido de mércores. Non se me esquecerá na vida», di. Non é para menos. Aos seus 19 anos -uno menos dos que hoxe cumpre aquel bebé que agardaba-, e a catro días para saír de contas, empeñouse en acudir ao encontro. «Fun ao campo con contraccións, pero aguantei…». Poucas horas despois daquela vitoria (4-0, Dutuel, Revivo, Mazinho e Geli) viña ao mundo o pequeno.

«A miña nai dicíame que estaba tola por ir ao fútbol tal como estaba, pero eu era unha pipiola e alí funme. Un día dunha tormenta tremenda. Saín do campo para ir dar a luz», lembra a actual presidenta da pena Alento Celeste. «Cando iamos para o hospital dicíalle ao meu pai que sacase o pano pola fiestra e el respondía: ‘Estás de broma, non?'», relata. Pero non o estaba e a pouco máis o neno nace no municipal vigués. «Non me quería perder o partido por nada, igual que agora. Logo recibín como regalo unha camiseta asinada por todos os xogadores e ao neno fixémolo socio nada máis nacer», conta orgullosa.

Defínese como unha «tola total» do Celta , e iso que ao principio ao seu pai -do que asegura ter herdado tal tolemia- custoulle meterlle o gunsanillo. «Somos tres irmás, mulleres. De pequeniñas propúñanos ir ao fútbol e ningunha queriamos. Se o faciamos era rosmando», comenta. Pero facendo gala dunha gran memoria para todo o que teña que ver co club, tampouco esqueceu o día no que cambiou todo. «Con 14 anos, nun Cidade de Vigo contra o Madrid, a miña nai díxonos que fósemos e deunos por ir ás tres. Desde ese día xa imos sempre chova, trona ou caia quen caia». Incluso estando de parto, no caso de María.

A paixón polo equipo é tal na familia que Vale conta sería que «como o día que morra a avoa coincida cun partido a ver que fai...». «Vivímolo a lume de biqueira. Para min o Celta é iso: o meu xeito de vivir, o meu vicio, que outros non teño». Por iso fai filigranas para cadrar as quendas no seu traballo e non perderse un partido a non ser que sexa estritamente necesario e é capaz de collerse o coche e facer os quilómetros que faga falta para plantarse no que queira que sexa o lugar onde once xogadores vaian defender a celeste.

Hai uns meses estivo de baixa por problemas de costas e o foi imposible desprazarse co equipo durante ese tempo. «Apenas podía subir as escaleiras de Balaídos, pero ía igual. Dicíame: ‘Eu vou como sexa'», sinala. Tamén ten avisados á súa contorna de que o Celta está por amais de vodas, bautizos, comuñóns ou calquera outro evento ao que a inviten. «Xa lles digo que se é en día de partido, comigo que non conten. A única posibilidade de que me perda un partido é por traballo, e póñome dun malo leite tremendo», recoñece.

«Eu creo que o fútbol é algo que ou che engancha non, ou che encanta ou o odias, non hai termo medio», sinala. E curiosamente, o extremo oposto a seu teno no seu propio fillo, aquel rapaz que por pouco nace en Balaídos. «Leveino desde o día cero e creo que o saturei. Saíume antifútbol total, non quere saber nada», lamenta. Porque admite que é unha espiña que lle quedou cravada. «Claro que me dá rabia, levándoo desde bebé e nada. Tíveno de socio ata os doce pero logo para que fose a contragusto e non o gozase xa deixei de insistir».

Máis aló da vivencia persoal de empezar a sentir as contraccións en Balaídos, María queda, entre todos os bos momentos vividos grazas ao Celta , como os ascensos. «No último tatuoume o escudo xunto cunha bufanda co nome do meu fillo. Os viejiños quedábanse mirando pasmados e preguntaban: ‘Pero que xogador é Miguel?'», relata divertida. E Miguel é un rapaz ao que a día de hoxe non lle tira o Celta , pero que a punto estivo de vir ao mundo cunha vitoria por 4-0 ante o Logroñés debaixo do brazo.