Equilibrio para poder facer historia

José Luis Mosquera EN CELESTE

BANCADA DE RÍO

13 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Doulle un punto máis de favoritismo ao Celta . Creo que ten mellor equipo, maior competitividade e un estilo máis traballado, pero neste tipo de eliminatorias falar de favoritos mesmo pode ser unha quimera, porque o estado de forma e o anímico inflúe moito.

Tendo en conta as virtudes ofensivas do Genk, o ideal é ser fortes atrás e aproveitar o que che concedan arriba. Pódese dicir que o equipo belga é desequilibrado nese aspecto, pero do mesmo xeito indica que son alegres arriba é perigoso para o adversario porque nestas eliminatorias se marcas fóra tes unha vantaxe enorme. Eses balances defensivos débense ter moi en conta para non encaixar. Considero que o Celta ten un punto maior de equilibrio, pero tamén pode pasar por momentos dificultosos cando o rival se impón a nivel ofensivo.

Creo que a clave para a estar no equilibrio. De como fagan os balances defensivos e de ter o control do partido aínda que sexa de ida e volta. Hai que ter en conta que o rival se está aquí é por algo, porque pasou moitas eliminatorias e de entrada vai ser un duelo igualado.

O Celta vén de dúas derrotas consecutivas e iso sempre afecta, pero o equipo ten moi claro que Europa é importantísima e de feito ás eliminatorias sempre lle dá unha prioridade maior que á Liga . O equipo de Berizzo ten claro que están ante unha oportunidade histórica, que se pasan a semifinais sempre serán un referente.

Calquera futbolista competitivo que teña un reto así e que saiba que pode entrar na historia, seguro que se anima moitísimo máis. Considero que aos xogadores profesionais gústalles moito ese tipo de retos e iso faiche mellorar e saír aínda máis motivado.