Roncaglia e dez novos para Xixón

x. r. c. VIGO

BANCADA DE RÍO

M. MORALEJO

O arxentino será o único titular de Járkov que repita no plan B do Celta

26 feb 2017 . Actualizado ás 16:52 h.

Salvo sorpresa  Roncaglia será o único xogador que foi titular en Járkov que repetirá no once do Celta esta tarde en Xixón. Berizzo quere un equipo fresco que sexa capaz de imprimir un forte ritmo a un partido onde os vigueses se xogan seguir mantendo o paso na loita por Europa ante un Sporting que vai a máis, que tomou corpo cos reforzos de inverno e que da man de Rubi meteuse de cheo na pelexa pola permanencia.

O plan B do Celta será case idéntico ao de Leganés. Con dez xogadores de refresco e cun puñado de titulares que nin formaron parte da expedición que onte viaxou en autobús. quedaron en Vigo ademais do sancionado Jonny, Hugo Mallo, Cabral, Guidetti e Wass, e os titulares que entraron na convocatoria parecen predestinados a sentarse no banco.

Na liña defensiva son fixos Sergi, Planas e Roncaglia, pero falta por coñecer cal será a localización do polivalente defensor arxentino. Se actúa como central o principal problema para Berizzo estaría no lateral dereito, que podería ocupar Álvaro Lemos. O compostelán chegou desde o Lugo para ser o substituto de Hugo Mallo, pero o pouco que xogou foi como interior dereito. Nesta ocasión podería volver ao seu pasado recente.

O centro do campo é a liña que ofrece menos dúbidas. Radoja cumpriu o partido de sanción en Europa e está descansado para actuar de pivote defensivo. Marcelo, que contra prognóstico non disputou nin un só minuto ante o Shakhtar, será o seu acompañante e Jozabed, que si entro na recta final da cita de Ucraína, será quen se descolgue para conectar cos dianteiros.

Do mesmo xeito que en defensa, a presenza de Rossi como nove e de Théo Bongonda na esquerda parece cantada, pero o habitante do flanco dereito non está nada claro. Señé parece o mellor colocado na terna de menos habituais fronte ao recentemente chegado Hjulsager e Beuavue, que terá minutos, pero que non está para saír de cara despois de 10 meses parado. Mesmo para a ocasión, a opción do guadalupeño pasa máis por dar un respiro a Rossi na súa posición natural de dianteiro que por entrar en banda, onde foi reconvertido no pouco que xogou de celeste.

O masivo refresco pode facer perder ao Celta un punto de nivel, pero a cambio, Berizzo terá a un equipo sen desgaste capaz de imprimirlle moito ritmo ao partido, algo que o técnico converteu en premisa para superar a un Sporting que aposta por un 1-4-5-1 como sistema táctico, cun centro do campo moi poboado e con calidade e con Traoré (marfileño de 2,03 centímetros) como dianteiro boia. A idea celeste pasa por manter a presión alta, mover o balón con criterio en busca de espazos e atopar a portería rival.