O alcalde de Sanxenxo toma medidas para vixiar os excesos da movida nocturna

Marcos Gago Otero
marcos gago SANXENXO / LA VOZ

GALICIA

Ramón Leiro

Telmo Martín non quere que a localidade se converta no reino das despedidas de solteiro

26 jul 2017 . Actualizado ás 16:44 h.

As noites de Sanxenxo non son barra libre para calquera desfasamento. O alcalde, o popular Telmo Martín, con menos de dous meses no cargo, propúxose pór freo aos excesos da movida e implicouse persoalmente en conseguilo. Unha das primeiras cousas que fixo nada máis asumir o bastón de mando foi reunirse coa Policía Local e coordinar un dispositivo especial, cun reforzo importante no número de axentes e auxiliares. E el mesmo déixase ver todas as noites das fins de semana supervisando o bo funcionamento deste dispositivo.

Martín, que agradeceu a colaboración dos policías locais e da Garda Civil do cuartel local, fai unha xira, ás veces discreta e outras veces non tanto, polos lugares de marcha de Sanxenxo e Portonovo, acompañado por varios dos seus concelleiros. «Se pedín á Policía Local que se implique é moi importante que vexan que eu tamén o fago», sostén.

O presidente do Consorcio de Empresarios Turísticos de Sanxenxo (CETS), Francisco González, explicaba o luns que algo se nota de diferenza entre este verán e os últimos xullos, aínda que haberá que facer algo máis firme para o 2018.

Unha unidade de atestados da Policía Local fai garda de forma permanente na praza dos Barcos, á entrada do porto deportivo. Viuse ao alcalde falando cos mozos que fan botellón no espigón de Portonovo, ou cos grupos que saen dos locais de madrugada. Reuniuse cos empresarios destes establecementos e lembroulles que nin a música pode estar tan alta nin se poden incumprir os horarios. E, en máis dunha ocasión, o propio alcalde ha supervisado o desaloxo de locais e o seu peche. Sanxenxo non vai ser o reino das despedidas de solteiro nin dos botellóns. O dereito de divertirse remata onde empeza o dos demais a descansar. 32 multas, a razón de 90 euros cada unha por ouriñar na rúa, e 131 denuncias, con 200 euros de sanción por botellón. Todo en só 15 días.