Fai o Camiño en bicicleta en recordo da súa parella e o seu pai, falecidos no accidente de Angrois

andrea presedo / m. s. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Óscar Vazquez

Isidoro Fernández: «Non hai día no que non me acorde do que pasou»

21 jul 2017 . Actualizado ás 01:12 h.

Achégase o cuarto aniversario do accidente de Angrois no que oitenta persoas perderon a vida. Isidoro Fernández é un dos sobreviventes, pero nunca poderá esquecer ese día. Viaxaba acompañado da súa parella e do seu pai. El salvouse, eles non. «En catro anos consegues asimilar moitas cousas. Intentas pasar páxina, pero o certo é que non hai día que non me acorde do que pasou», explica.

Reside en Valencia , e todos os anos regresa a Santiago de Compostela nas datas do aniversario do accidente. Pero non o fai en tren: non quere repetir o traxecto que cambiou a súa vida. No seu lugar, fai o Camiño de Santiago en bicicleta. «O Camiño non o fago por un motivo relixioso, senón pola promesa de chegar ata Santiago por eles [o seu pai e a súa parella]. Ademais, isto era algo que tiña pendente de facer con Marta. Xa non pode ser con ela, pero si por ela».

Este é o segundo ano que decide facer o Camiño de Santiago e nesta ocasión acompáñano o seu sobriño e varias amigas de Marta. Elixiron facer o Camiño Portugués e contan con estar en Santiago mañá. Alí agárdanos máis achegados e sobreviventes ao accidente para conmemorar os catro anos da traxedia. 

Acudían a un bautizo

De familia galega, Isidoro veranea todos os anos en Galicia. Pero o ano do accidente, o 2013, era especial: non só ían de visita, senón que acudían ao bautizo do seu sobriño. Os seus plans truncáronse de súpeto. «Minutos antes de que todo ocorrese tiven que ir ao baño. Ao saír del xa vin que algo non ía ben porque o vagón enteiro vibraba», conta. O instinto de que algo estaba a piques de ocorrer levouno a agarrar á súa muller e intentar protexela antes de que o tren descarrilase. «Puiden ver como o vagón se ía virando aos poucos. Sería unha cuestión de segundos, pero para min durou moito máis», explica. De súpeto algo o golpeou e perdeu o coñecemento. Cando se espertou estaba fóra, nas vías do tren. Pero con el xa non se atopaban nin Marta nin o seu pai. «Estaba moi desorientado, pero en canto fun capaz de reaccionar lanceime a buscar á miña muller. Atopei o seu corpo sen vida. Ata ese momento habíame mantido bastante enteiro a pesar do panorama. Pero cando vin que ela non sobrevivira derrubeime», lembra.

Hoxe, catro anos despois, Isidoro está recuperado das feridas físicas, pero non das cicatrices que deixan os recordos. Con todo, di, «un día decidín tomarme a vida como a miña parella quixese que o fixese: gozando de cada un dos días».

As vítimas piden a dimisión do presidente da comisión de accidentes ferroviarios

Na véspera do aniversario do accidente, a plataforma de vítimas reclamou a dimisión do presidente da comisión de investigación de accidentes ferroviarios (CIAF), Fernando Montes, ao que piden que deixe paso a persoas independentes. A asociación, segundo informa Europa Press, rexistrou unha carta no Ministerio de Fomento dirixida a Montes, quen hai algúns meses foi elixido novo presidente da comisión que se encarga da investigación técnica dos accidentes e incidentes de tren.

Nunha comparecencia no mes de marzo na comisión de Fomento, Montes rexeitou a posibilidade de reabrir a investigación que a CIAF realizou sobre o descarrilamento do Alvia en Angrois, a pesar do informe que a Axencia Ferroviaria Europea fixo público en xullo do 2016 no que ese organismo era moi crítico coas conclusións da CIAF, que situaban ao maquinista e o exceso de velocidade como únicos causantes do accidente.

A vía política

Mentres, o PSOE formalizou onte no Congreso a petición para que se impulsen dúas comisións de investigación, unha técnica e outra política. A formación xustifica o seu cambio de postura -nunca antes apoiara esta vía- en que se produciron importantes novidades que aconsellan despregar diferentes vías de investigación co fin de esclarecer todas as posibles causas dun accidente ferroviario que causou 80 persoas mortas e 152 feridas».

A pesar de que o luns o PSOE e Unidos Podemos acordaran impulsar a comisión de investigación no Congreso, finalmente os socialistas decidiron presentar esta iniciativa en solitario. De todos os xeitos, a presidenta da xestora do PSdeG, Pilar Cancela, asegurou onte que o accidente de Angrois non se converterá en tema de confrontación política entre PSOE e Unidos Podemos: «Non imos permitir que se xere un debate político artificial sobre a falta de consenso neste tema», dixo. En Marea ten unha iniciativa similar rexistrada e posiblemente unha e outra se debatan a partir de setembro.

Pola súa banda, o BNG volveu reclamar unha comisión de investigación no Parlamento galego. Para a portavoz desta formación, Ana Pontón, é «vergoñento» que «o país no que se produciu o accidente do Alvia teña as portas cerradas» a unha comisión.