«A política engancha»

GALICIA

Manuel Gallego, alcalde de Taboadela, é o rexedor máis veterano de Galicia

07 jul 2017 . Actualizado ás 20:19 h.

O alcalde de Taboadela chega á casa consistorial nun coche que quita o hipo e antes de que lle diga nada me lembra que unha cousa é a política e outra a vida persoal. O certo é que con Manuel Gallego (Taboadela, 1937) gozo dun intre máis divertido do que agardaba. Imaxino que nunca lle fixeron unha entrevista deste tipo e o rexedor parece pasarllo tan ben como eu.

-Vostede é alcalde desde 1972. Non se cansa?

-¡E concelleiro desde 1967! Direille que estou como o primeiro día.

-En ilusión quere dicir.

-Claro. Para estar aquí hai que ter ilusión.

-Non pensou na substitución?

-Non, non. Aínda estamos na metade do mandato e eu teño un compromiso. A cara ou se dá ou non se dá. Sobre o futuro non podo dicir nin unha cousa nin a outra.

-Como se meteu na política?

-Eu estiven nove anos no País Vasco e ao regresar fíxenme industrial. Aínda que din iso de «ave de pico non fai a seu dono rico», fíxenme avicultor e creei unha empresa que estivo na fundación de Coren. Entón chamoume un alcalde que había e propúxome entrar polo terzo familiar. Daquela o clero tiña moito poder e aínda que eu era un pouco randa, colléronme. Daquela xa tiña un 600 e digamos que destacaba un pouco no pobo. Eu caseime con 37 anos.

-En todos estes anos, o concello terá cambiado moito.

-Cando eu cheguei, o concello estaba nunha casa de alugueiro. Movíase por varios pobos. Collían os catro libros que había e ían dun sitio a outro. O patrimonio do concello era cero. Agora é de 30 millóns de euros. Eu na miña vida privada non fixen tanto capital como o Concello.

-Cónteme algunha trastada que fixese de pequeno.

-¡Uy! Fixen moitas. Unha vez roubámoslle uns galos a un matrimonio do pobo. Fómolos cociñar cuns amigos a casa dun deles e cando os estabamos comendo apareceu o pai deste amigo e non queira saber a rifa que nos montou. Foi inesquecible.

-Quen é o político máis simpático que coñeceu?

-Baltar pai. É un amigo íntimo e o será mentres vivamos. El axudoume moito e eu tamén, porque lle entreguei todas as miñas maiorías absolutas. Dirase o que se queira, pero para o rural de Ourense foi un fóra de serie. É un home irrepetible. Era moi resolutivo.

-E o político máis duro?

-Tiven os meus encontros con moitos, pero lembro un con Agustín Hernández no que estiven a piques de irme. Aínda que logo se reconduciu a entrevista.

-E ao que máis admira?

-A nivel Ourense, Baltar pai. E a nivel Galicia, gústame moito Núñez Feijoo. É moi serio.

-Que é o máis amargo da política?

-As críticas inxustas cando traballas con paixón. Doen moito. Dan ganas de deixalo todo. Pero a verdade é que a política engancha e se eu levo tantos anos é por culpa dos meus inimigos políticos.

-Segue vostede para que non ocupen o seu posto?

-Iso é.

-Cales son as súas afeccións?

-A gastronomía e os touros. Hai pouco antollóulleme ir a Burgos, e fun. Vou a Valladolid , a Salamanca e na Peregrina sempre quedo.

-Algunha vez hase apostado o bigote?

-Algunha vez, pero sempre gañei. E se perdeuno, volveríamo a deixar. Non me gustan os cambios, son bastante conservador.

-Bo, de mozo igual non o era tanto.

-Corrinme as miñas esmorgas. Xa lle digo que casei con 37 anos e tiven bastantes noivas. Vivín a vida e sígoa vivindo.

-Sabería facer unha tortilla de patacas?

-Malamente. Non cociño.

-Que é o último que se comprou?

-O coche. Sempre me gustou ter bos coches.

-De que se arrepinte?

-[Pénsallo un momento] Dalgunhas cousas... pero prefiro non dicilas.

-Lembra onde lle pediu matrimonio á súa muller?

-Si. Levaba xa nove anos con ela e un día no canto de subir el ao coche subiu a sogra. Púxome as cousas claras, así que me comprometín antes coa miña sogra que coa miña muller, ja, ja.

-Ten algo postizo?

-Algúns dentes.

-Que tal co WhatsApp?, úsao moito?

-Nunca. O móbil non me gusta moito.

-Unha canción.

-Son mineiro, de Antonio Molina.

-O máis importante na vida.

-Vivila. E se pódese, vivila ben.

Moi de preto

Manuel Gallego Alcalde de Taboadela (Ourense), o máis veterano de Galicia