Que facer e que non facer se che morde unha víbora

Bea Abelairas
B. abelairas FERROL / LA VOZ

GALICIA

Nin torniquetes, nin aspirina, nin Betadine. Hai que ter moita calma tras unha mordedura

21 jun 2017 . Actualizado ás 12:52 h.

En Galicia e case todo o norte de España vive unha especie autóctona que se coñece como a víbora de Seoane, precisamente por Víctor López Seoane e Pardo-Montenegro, un catedrático e experto en historia natural ferrolán que morreu no ano 1900.

Hai séculos que os agricultores se topaban con esta especie cando estaban a traballar no campo, e seguen atacando aos humanos pola mesma razón que antes. «Morden cando invadimos o seu espazo porque non as vemos e as pisamos. Pero non hai maior número que outros anos», explica Xan Silvar, presidente da Sociedade Galega de Historia Natural de Ferrol, onde a pasada fin de semana varios bañistas foron atendidos por mordeduras e dous tiveron que ingresar no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF).

Juan Aguirre é médico de urxencias dese centro hospitalario, onde o ano pasado outras dúas persoas tiveron que pasar varias xornadas por un problema similar. «Hai que estar tranquilos porque agora mesmo os antídotos dos que dispomos son aptos para case todas as persoas, mesmo embarazadas e nenos», precisa o facultativo, que considera que ante un incidente deste tipo é importante lembrar o que non hai que facer, xa que os exemplos que se poñen nas películas confunden na maioría dos casos: «Nada de facer torniquetes ou chupar a ferida para tratar de sacar o veleno, non se debe facer nada diso. Nin tampouco tomar aspirina ou botar á mordedura Betadine ou outro produto que poida colorear a pel», conta.

Botar auga e anotar a hora

Aguirre asegura que primeiro hai que identificar o ataque da víbora: «O típico serían dous ou tres separadas por un centímetro. Se notamos a picada e vémolas debemos manter a calma, lavar con auga a ferida e anotar a hora na que se produciu, para que os médicos poidan controlar mellor a evolución da ferida, e enmarcala nun círculo». Tamén é importante sacarse canto antes aneis ou pulseiras, xa que a extremidade afectada vaise a inflamar. Se se pode camiñar, este médico do CHUF recomenda acudir ao centro de saúde ou chamar directamente ao 061.

Unha vez no centro médico deixar ao paciente en observación, xa que a intensidade da reacción depende da profundidade da mordedura, da cantidade de veleno e da sensibilidade de cada persoa. En dous dos catro niveles de afectación é necesario o ingreso. «Cando se pode recomendamos que se traia ao animal, porque entón podemos determinar no momento o tipo de soro antiofídico que debemos usar», precisa o médico, aínda que o Concello ferrolán lembraba onte nun comunicado que matar a esta especie implica unha multa.