A intensa calor persiste un día máis e as temperaturas suavizaranse mañá

Susana Acosta
Susana Acosta REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

A chegada dunha masa de aire húmido e máis fresco traerá néboas ao litoral

21 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A calor persistirá tamén hoxe, sobre todo, no interior da comunidade que non se verá afectado as nubes baixas que entrarán no litoral galego nin polas néboas procedentes do mar. Para hoxe Aemet aínda activou o aviso amarelo no sur de Lugo e na ribeira do Miño de Ourense por temperaturas que poden superar os 36 graos. Pero a partir de mañá e, sobre todo, o venres, as máximas comezarán a baixar. Se se cumpren os prognósticos, os descensos poden ser de ata trece graos no norte da comunidade. Como no caso de Ferrol , que pasará de rexistrar onte 32 graos a 19 o venres.

«Retírase o aire cálido e comeza a entrar aire húmido e algo máis fresco, sobre todo, no norte. As temperaturas manteranse máis no sur e no leste. O sábado quérese meter algo o anticiclón polo que as temperaturas se recuperan algo. Serán agradables, pero nada que ver con estes últimos días», explica Alberto Romero , de Meteogalicia . Algunhas cidades galegas poden notar aínda hoxe o efecto de illa de calor: «Non hai vento e a terra tarda en arrefriarse. Nas cidades que teñen pedra aínda aguanta máis a calor», aclara. A partir de mañá, a única cidade galega que superará os 30 graos será Ourense. O resto quedarán entre os 21 da Coruña e os 28 de Lugo.

Aos poucos a onda de calor que se instalou en Galicia desde o pasado venres comeza a desvanecerse, non sen antes deixar algunha cifra marca. Na cidade de Lugo superouse a máxima histórica dun mes de xuño. Foi o pasado domingo, o termómetro marcou 37,3 graos de máxima, unha temperatura superior á rexistrada o 26 de xuño do 2011 e que foi 36,1 graos.

Marca de mínima

O mesmo ocorre coas mínimas. A noite do luns o mercurio marcou 18,2 graos, a mínima máis alta e que supera aos 17,5 graos do 6 de xuño do 2004. No resto das cidades non se excederon os valores máis elevados da serie histórica, pero si se acadaron temperaturas realmente altas para a época do ano. De feito, onte superáronse outra vez os 40 graos. A máxima da comunidade rexistrouse en Leiro, con 40,6 graos. Onte case toda Galicia estivo por amais dos 30 graos de forma xeneralizada, excepto no extremo norte.

Recortes no regadío no Val de Lemos e unha hectárea queimada en Catoira

Os agricultores que utilizan o regadío na comarca do Val de Lemos terano este verán máis complicado que nunca para utilizar a auga. A asociación de regadores que xestiona o funcionamento desta infraestrutura só abrirá as canles nos que haxa leiras previamente inscritas e taxará o volume de auga en función da superficie. Doutra banda, onte pola tarde declarouse un incendio na parroquia de Abalo, en Catoira. As chamas iniciáronse na zona dos Muíños, non moi lonxe de núcleos habitados. Na extinción participaron Protección Civil de Catoira e Vilagarcía e dous helicópteros, un axente, tres brigadas e unha motobomba da Xunta. O balance aproximado de superficie queimada é dun hectárea de monte. Crese que foi intencionado.