E se o meu fillo sofre acoso escolar?

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

O Colexio de Psicoloxía presenta unha guía para que as familias saiban como identificar o «bullying»

09 jun 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

O peor é que impere a lei do silencio. Mirar cara a outro lado, calar intentando que desapareza. Porque non desaparece. O acoso non desaparece se non se lle fai fronte. E facerlle fronte non é doado. É unha tarefa hercúlea, dunha valentía inmensa e na que toda axuda é benvida. A esa loita uniuse onte o Colexio de Psicoloxía de Galicia, que presentou unha pequena gran guía para que as familias saiban como actuar.

O primeiro é identificar que é acoso. Unha rifa, un malentendido puntual, aínda que desagradables, forman parte da convivencia. Outra cousa é que haxa intención de facer dano, que se dea un desequilibrio de poder entre acosador e acosado e que a conduta sexa reiterada. Entón si. Entón hai acoso. Verbal, físico, social, psicolóxico e talvez o máis cruel, o que nunca acaba: o acoso a través das redes sociais.

Como se detecta? Os sinais son múltiples, pero non é unha ecuación matemática. Poden darse todos os indicadores. Pode non darse ningún. Poida que só aparezan algúns. Que de súpeto perda o apetito. Ou que non queira participar en excursións, aniversarios ou festas escolares. Que os luns lle doia a cabeza, ou o estómago. Que non queira ir a clase. Que se volva agresivo en casa. Que un neno alegre de súpeto estea sempre triste. Ou que deixe de contar as cousas que lle pasan. Ante a dúbida, ante un cambio de comportamento, o mellor é acudir ao orientador do centro. E cortar de raíz o que podería chegar a converterse nun grave problema.

E un día, a palabra emerxe: acoso. E con ela, a rabia, a indignación, a impotencia. Contra o acosador, contra o centro escolar e ata contra a outra familia. É normal. A primeira batalla é interna: lidar cos propios sentimentos para non agravar o problema. Que haxa un clima de confianza. Que o pequeno saiba que o apoian emocionalmente. E escoitar o relato. Sen xulgar. Sen culpabilizar. Sen restarlle importancia. Que saiba cales son as persoas de confianza no colexio e instituto. E como hai que usar o computador e as redes sociais. Gardar o móbil polas noites, porque o ciberacoso, tristemente, non descansa. E informar o centro, que ten que investigar, asesorar e pór en marcha o protocolo contra o acoso de ser necesario.

E se a familia descobre que o seu fillo é o que acosa? Primeiro, asumilo. Non, non son malos pais. Despois hai que deixar claro que esa actitude é intolerable e que ten consecuencias. Procurar que empatice, que se poña no lugar da vítima. E, sobre todo, prestarlle axuda. Porque, si, el tamén ten problemas.