Educación estende a 109 comedores as esixencias de calidade nos menús

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

MARTINA MISER

O concurso de adxudicación do servizo rebaixa o peso da oferta económica

27 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Mellor oferta económica, 45 puntos. Maior rotación e variedade dos menús, ata 20 puntos. Máis persoal de apoio e atención, un máximo de 20 puntos. Cinco puntos polo uso de produtos lácteos de orixe galega e outros 10 por entregar un 5 % máis do número de menús que corresponde servir cada día, 10 puntos. É, a grandes liñas, o baremo da adxudicación do servizo en 109 comedores escolares dependentes da Consellería de Educación, que con este concurso estende as esixencias na calidade dos menús que xa se aplicaban a unha vintena de centros.

O cambio nos criterios de adxudicación chegou despois de que a consellería anulase o contrato con dúas empresas de cátering ante a mala calidade dos menús que estaban a servir a máis de 2.800 escolares dunha vintena de centros da comunidade. Menús que preparaban en Málaga e que logo trasladaban a Galicia. Esa é, precisamente, unha das esixencias que se introduciu no prego de condicións da concesión. Cando non utilicen as propias cociñas do centro, a adxudicataria debe acreditar ante a Administración que as instalacións nas que se preparan os menús están a menos de 200 quilómetros de distancia do colexio sinalado como referente en cada un dos 24 lotes que agora saen a concurso. Ademais, debe proporcionar aos centros o material necesario para quentar, rexenerar ou refrigerar os pratos se é necesario.

Tamén se reduciu o peso da oferta económica á hora de seleccionar á empresa adxudicataria. Pasou de supor 50 puntos sobre os 85 que conformaban o baremo da anterior licitación a supor 45 sobre cen. O resto da puntuación outórgase segundo melloras que «perseguen unha maior calidade do servizo», segundo a Consellería de Educación, e que inclúen por exemplo o uso de produtos lácteos de orixe galega. O prego tamén establece que a materia prima para preparar a comida dos escolares adquirirase preferentemente na comarca na que estean situadas as dependencias nas que a firma elabora os pratos.

Menús a un máximo de 5 euros

A Xunta tamén estableceu un tope de 4 ou 5 euros sen IVE por menú (dependendo do lote) e ademais modificou o criterio de rotación dos mesmos. Se antes a empresa encargada do servizo de comedor podía escoller a comida sobre unha táboa de 40 opcións, agora deberán elixir para cada unha das tempadas (outono-inverno e primavera-verán) dez, quince ou vinte menús fixos, que deberán servir sucesivamente, ou o que é o mesmo, non se poderá repetir o menú ata que non se serviron todos os outros. A máis variedade de menús máis puntuación reciben as empresas no concurso.

Os escolares comerán froita -nin demasiado verde nin demasiado madura- catro veces á semana, verdura e hortalizas tres veces por semana, arroz, pasta, peixe e carne dúas veces á semana e legumes e sobremesas lácteas unha vez por semana. Unhas frecuencias que se cumpren relativamente, segundo un informe da Consellería de Sanidade sobre os menús do pasado curso. Hai demasiada carne e menos froita da recomendada, mentres que cumpren coas recomendacións de precocinados (menos dunha ración á semana) e de legumes.

Beneficiarios

Vinte e catro lotes

Máis de 11.000 alumnos. Deste contrato de 24 lotes para o próximo curso, que pode ser prorrogado, beneficiaranse máis de 11.000 escolares das catro provincias, segundo os datos que se ofrecen de cada lote no prego de condicións.

Recomendacións

Primeiro

Un primeiro prato no que alternen verduras, legumes, arroz ou pasta. Débese potenciar o consumo de potaxes nos que se combinen estes produtos.

Segundo

Un segundo prato que se base en carne magra, peixe ou ovos, acompañados con guarnición de verduras, arroz, pataca ou pasta. Hai que potenciar o consumo de peixe.

Sobremesa

Para a sobremesa débese ofrecer sobre todo froita fresca e, con menor frecuencia, derivados lácteos como queixo ou iogur. Pódese tamén dar combinados de froitas e derivados lácteos: fresas con iogur ou con zume de laranxa, batidos naturais de froitas con leite... Aconséllase minimizar o uso doutros derivados lácteos, como a nata ou a manteiga. Unha vez ao mes pódense permitir sobremesas algo especiais, como flan, cremas ou os doces de entroido.

Bebidas

As racións de pan e de auga deben estar sempre presentes no menú dun comedor escolar. Hai que ter coidado co leite: non é recomendable acompañar o menú cun vaso de leite.

Graxas

Recoméndase como aceite de elección principal o de oliva, aínda que o aceite alto oleico é tamén unha boa opción. Hai que ter en conta que, se se usa de sementes ou girasol, non é recomendable sometelo a altas temperaturas de fritura.