Galicia logra no 2016 máis de 111.200 doazóns de sangue, aínda que se estancan as cifras

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Donación de sangre en el 2016
La Voz

Padrón é o concello que ano tras ano consegue unha maior taxa de doazóns, superando o centenar por cada mil habitantes

25 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Os galegos realizaron no ano 2016 un total de 111.276 doazóns de sangue, unha cifra coa que a comunidade acada as recomendacións da OMS -entre 40 e 60 extraccións por mil habitantes-, como fixo nos últimos dezasete anos. Pero a directora da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López, insiste na necesidade de non baixar a garda. Porque o primeiro trimestre do 2017 foi máis negativo que o do pasado ano, e porque os datos acadados no 2016, case idénticos aos do 2015 aínda que cun lixeiro incremento, lográronse cun enorme traballo en campañas de información e chamamentos aos doantes.

No entanto, tanto a directora da Axencia como o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, destacaron na presentación do balance do 2016 a solidariedade dos galegos, «xa que aquí cada un dos números ten dous rostros, o da persoa que altruistamente doa, e o de quen se beneficia», apuntou Aboal.

A comunidade segue nunha taxa de 41 extraccións por cada mil habitantes, aínda que só 80 dos 314 concellos están nos niveis que marca a OMS. Por provincias, A Coruña e Pontevedra acadan esta recomendación e Lugo e Ourense non. Por concellos chama a atención o caso de Padrón, que ano tras ano se converte no municipio cunha maior taxa de doazóns, superando o centenar por mil habitantes. O perfil do doante en Galicia é o dun home que vive nun concello de máis de cinco mil habitantes e de mediana idade. Porque a metade das doazóns pertencen a maiores de 43 anos, mentres que só o 25 % tiñan menos de 33 anos. Un dos datos máis positivos do balance presentado é o número de doantes novos. No 2016 achegáronse por primeira vez a unidades móbiles ou a puntos fixos 8.551 persoas que nunca doaran, un 11 % máis que no 2015. Ao ser os grupos sanguíneos maioritarios na poboación A positivo e 0 positivos, ambos concentran o 72,6 % das doazóns.