Empeza unha semana de calor con máximas superiores a 30 graos

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

As mínimas baixarán lixeiramente, con 10 graos en Lugo na madrugada do mércores

22 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Hoxe haberá sol na metade sur de Galicia todo o día (na metade norte os ceos irán mellorando durante a xornada), e esta tendencia de bo tempo seguirá nos días seguintes, estendéndose por toda a comunidade. A calor chegou para quedar polo menos ata o xoves (nalgúns puntos ata o venres mesmo) e mañá en Ourense está previsto que se chegue aos 36 graos de temperatura máxima, que serán 34 en Pontevedra e 33 en Vigo; o mércores roldarán os 30 graos as cidades de toda a comunidade e o xoves fará tanto calor que ata na Coruña se verán os 32 graos.

Na xornada de hoxe a situación non será tan extrema, aínda que si estarán os ceos despexados ou con poucas nubes, excepto na costa norte, onde a néboa será importante a primeiras horas da mañá. Co paso das horas haberá sol, xa que o anticiclón vén en forma de cuña desde os Azores, desde Portugal. De feito, na metade sur de Galicia, o sol brillará radiante durante toda a xornada.

As temperaturas serán altas: as máximas oscilarán entre os 19 graos da Coruña e os 33 de Ourense, con Ferrol con 21 graos, Santiago con 25 e as demais cidades achegándose aos 30. Iso si, pola tarde haberá nubes de evolución nas montañas de Lugo e Ourense con posibilidade dalgún chuvasco tormentoso. As temperaturas mínimas descenderán lixeiramente: dos 12 graos de Lugo e Santiago aos 15 da Coruña e Vigo.

Mañá martes o sol xa lucirá en practicamente toda Galicia, excepto na costa de Lugo, onde haberá nubes, e só Ferrol e A Coruña quedarán por baixo dos 30 graos. En Ourense chegarase aos 36. As mínimas non serán moi altas, entre os 11 de Lugo e os 16 de Vigo.

Unha situación moi parecida vivirase o mércores. As nubes (a intervalos) estarán concentradas na Mariña, e en Ferrol, Ourense e Vigo chegarase aos 32 graos. Esa madrugada en Lugo están previsto 10 graos (pero en Vigo serán 20).

O xoves o sol seguirá estando á vista, e na Coruña chegarase aos 32 graos, que serán 35 en Ourense e Lugo; en Ferrol e Santiago haberá 31 graos e algo menos, 30 e 29, están previstos para Pontevedra e Vigo.

A situación variará lixeiramente o venres, aínda que en Ferrol, Ourense e Vigo seguirá sendo un día de moito sol; no resto haberá nubes. En xeral, as mínimas subirán lixeiramente.