Os internautas poñen nome ao pasado

marta carballo REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

MARTA CARBALLO / MARCO GUNDÍN

O Arquivo de Galicia recorre aos usuarios de Facebook para identificar 40 imaxes históricas. A iniciativa #Describimosxuntos converte aos cidadáns en investigadores

20 may 2017 . Actualizado ás 11:19 h.

Unha imaxe en branco e negro. Un grupo de persoas, sobre todo nenos, posa diante dunha fachada nun día claro. Un elemento vexetal no centro. Podería ser unha festa dos maios? Talvez nos anos 40 ou 50? É posible que sexa un recuncho de Ourense... O debate está servido en Facebook . Obxectivo: identificar unha antiga fotografía.

É o reto, a modo de xogo, que lanzou o Arquivo de Galicia para que os cidadáns axuden a resolver o misterio de 40 instantáneas de Manuel Chamoso Lamas. Fotografías do que fose comisario de Patrimonio a mediados do século XX e ás que lle falta pór nome. E as redes sociais moven masas. «Pareceunos interesante porque son fotografías de toda Galicia e conteñen bens patrimoniais que nalgúns casos cambiaron moito e noutros xa nin existen. Así que buscamos que a xente interactúe connosco, que participe e que senta que o patrimonio é seu», explica a xefa de sección do Arquivo de Galicia, Concepción García.

Son imaxes próximas, nas que mesmo hai xente que pode verse identificada, recoñecerse ou recoñecer aos seus e axudar, coas súas vivencias, a despexar as incógnitas porque «hai xente moi inqueda, que viaxa, que está moi concienciada co patrimonio» e que pode achegar moitos datos que permitan completar a documentación histórica. «Démonos conta de que tiñamos aí un recurso moi importante que podiamos utilizar porque o que non está identificado, non existe», recoñece Concepción García. Así que comezaron a colgar as fotografías baixo a etiqueta #Describimosxuntos e a resposta foi inmediata. 

Boa memoria visual

As propias imaxes dan algunhas pistas para determinar a época ou o lugar. Se aparecen persoas debemos fixarnos sobre todo «no corte de pelo, na roupa, se hai nenos e levan pantalóns curtos... Dependendo da época pode haber coches dos anos 60 ou 70». Se o único que aparece é un monumento, confíen nos seus recordos porque, como destaca García, «temos moi boa memoria fotográfica e un edificio que parecía esquecido de súpeto volvémolo a ver nunha imaxe e identificámolo».

Aínda que hai escenas que se resisten, converter aos seguidores de Facebook en investigadores deu os seus primeiros resultados, e a algunhas fotografías xa se lle puxo nome, lugar e data. Un campanario solitario resultou ser a igrexa de Saint Marcel, en Cluny (Francia). Unha rúa empedrada que podería ser de calquera localidade de Galicia, Santiago sobre todo, pero resultou estar en Navarra, que é Camiño de Santiago e por iso é polo que a gardase Chamoso. «Un dos nosos amigos identificouna rapidamente e mandounos mesmo a imaxe dunha páxina web na que se vía a rúa con exactamente o mesmo encadre pero 50 anos despois», relata Concepción García. Os técnicos fan sempre unha comprobación oficial e, efectivamente, neste caso non había dúbida, era a rúa Navarro Villoslada, na localidade navarra de Viana.

Ás veces o resultado sorprende mesmo aos técnicos. Como a desa primeira imaxe. A dese grupo de persoas ante unha fachada celebrando os maios. Non era en Ourense. Unha persoa que viu a fotografía fixouse nun pequeno detalle arquitectónico e recoñeceu o edificio: Hospital de Afora, en Noia . O persoal do Arquivo de Galicia, que non lograra identificar o lugar, fixo a comprobación e efectivamente era Noia. Así que entre dúas persoas, unha que soubo ver a celebración dos maios e outra que recoñeceu o edificio desfixeron o agravio e agora está documentada a celebración dos maios en Noia».

O debate que se xera nas redes sociais non remata cando se identifica a fotografía. Continúa con comentarios que abren novos debates e que acaban compartíndose. Iso, explican, é outro dos obxectivos, «crear unha corrente de interese e de inquietude sobre o patrimonio e demostrar que o Arquivo non é unha institución pechada». 

Pronto máis imaxes

De momento xa se apuntou ao mundo dixital que  pretende seguir explotando buscando a colaboración dos usuarios para convertelos en documentalistas da historia común. Xa están a pensar nunha nova serie pero, de momento, aínda quedan entre 15 e 20 fotografías por identificar de Manuel Chamoso Lamas. «Algunhas parécenme imposibles, pero visto o visto eu xa non vou dicir que son imposibles», conclúe Concepción García.

Pronto se colgará unha nova imaxe en Facebook. Apúntanse? Anímanse a resolver un novo misterio?