Volve a saraiba e baixan as temperaturas

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

PACO RODRÍGUEZ

Tras a calor, en Ourense caerán as máximas seis graos, e sete as mínimas en Lugo

17 may 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Este inestable mes de maio continúa con vaivéns. Tras a mañá de onte, con ata 31 graos en Ourense, hoxe chegarán as choivas xeneralizadas e unha caída considerable das temperaturas, de ata seis graos a máxima na cidade das Burgas e para mañá a mínima de Lugo baixará 7 graos desde os 14 de onte.

A previsión de Meteogalicia indica que unha entrada de aire frío nas capas altas da atmosfera provocará inestabilidade xeral. Durante todo o día se agarda que haxa ceos nubrados e pola tarde, xunto a nubes e claros, chegarán os chuvascos, nalgúns lugares e momentos de carácter tormentoso e ata con saraiba.

A situación non mellorará nos próximos días: mañá esa masa de aire frío manterase sobre a comunidade e, como haberá ventos do noroeste, a sensación térmica será peor da que marcan os termómetros. Pola mañá choverá na área noroeste e pola tarde farao no interior, mentres que a auga volverá á costa coruñesa e pontevedresa durante a noite.

As temperaturas acompañarán a sensación de día case invernal: mínimas de 9 graos nas principais cidades (onte estiveron entre os 15 e 17 graos) excepto en Lugo e Santiago, onde se chegará ata os 7 graos durante a noite.

O venres a situación será relativamente parecida, con mínimas máis baixas (agárdanse 5 graos en Ourense e Lugo), choivas intermitentes e ventos de compoñente oeste.