A policía investiga unha pista que sitúa á muller desaparecida en Ourense vinculada a outra seita en Burgos

La Voz OURENSE / LA VOZ

GALICIA

vitor mejuto

Desde un principio vinculouse, segundo a policía, con «congregaciones non consideradas destrutivas pero que si predín o fin do mundo»

28 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A procura de Belén Rodríguez, a ourensá de 57 anos desaparecida o pasado día 7, non se limita a esta provincia. As forzas de seguridade revisan todas as pistas, incluso as máis extravagantes, debido ao perfil da muller, a quen desde un principio se vinculou con «congregaciones non consideradas destrutivas pero que si predín o fin do mundo», segundo a policía. Medios coñecedores da investigación só conceden fiabilidade contrastada aos testemuños que a sitúan en Ourense a tarde do venres anterior a Semana Santa, pero non por iso deixan de repasar todas as probas. Nese contexto, con non poucas reservas en medios policiais, desde o mércores está tratando a policía de Burgos de confirmar alí a presenza de Belén Rodríguez. Existe polo menos un testemuño que a sitúa en Miranda de Ebro, co pelo rapado e supostamente acompañada de persoas dalgunha seita indeterminada. Desde a comisaría de Ourense enviaron fotos aos seus compañeiros de Burgos para confirmar ou desmentir esa posibilidade con imaxes de gravacións de seguridade que poidan captala. A súa presenza en Miranda de Ebro sitúase nun contexto de difusión dalgunha mensaxe apocalíptica relacionada co fin do mundo. Na policía de Ourense vese con receo, pero non se pechou esa liña.

O subdelegado do Goberno, Roberto Castro, apuntou onte á posibilidade dunha marcha voluntaria por parte da muller, aínda que non existe rastro dela desde fai tres semanas. A procura, practicamente a cegas, mantense naqueles lugares onde se lle presume algún tipo de relación, incluíndo Trives, San Pedro de Rocas e Ourense. O helicóptero da policía e os cans xa non actuaron onte.