A Xunta descarta pedir zona catastrófica pola seca pero continuará coa prealerta

s. c. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

CESAR QUIAN

Os encoros están 16 puntos por baixo do ano pasado e os agricultores falan de situación «moi grave»

26 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Vixilancia estreita e constante de todos os parámetros que poidan indicar unha situación grave de seca. Así están as consellerías de Medio Ambiente e Medio Rural, en estado de prealerta pero descartando, polo momento, pedir a declaración de zona catastrófica nos concellos máis afectados pola falta de choivas. Os chuvascos de onte deron un mínimo respiro aos agricultores, aínda que non se agarda que a situación se manteña no tempo e desde a Xunta asumen que «este ano choveu moito menos que o pasado».

Os lugares máis vixiados estes días polos técnicos de Medio Ambiente son os encoros, que están menos cheos que hai un ano, exactamente 16 puntos por baixo. Os 19 encoros galegos suman un total de 526 hectómetros cúbicos fronte aos 690 do seu volume total. Nos encoros hai unha dobre distinción: os de abastecemento e os de consumo hidroeléctrico. Dos primeiros as cifras non son do todo malas, xa que están ao 88 % da súa capacidade -o ano pasado por estas datas rozaban o 93 %- e de feito todos superan o 90 %, excepto os de Cecebre (78 %), Caldas de Reis (64 %) e Vilagarcía (66 %). O encoro de Beche (Abegondo) é o que presenta a maior porcentaxe de ocupación, un 99,87 %. A conselleira Beatriz Mato referíase onte a esta situación dicindo que «está absolutamente garantido» o abastecemento de auga, aínda que tamén admitiu que «é importante que volvan as precipitacións para poder garantir non só o presente, senón tamén a superación do verán». Lembrou que abril foi atípico porque «non choveu o que tiña que chover».

En canto ás augas industriais, o encoro de Vilasenín é o único que está ao 100 % da súa capacidade; como media, estes pantanos están ao 75 %.

A outra consellería afectada pola seca, Medio Rural, segue o mesmo protocolo: situación de prealerta, é dicir, «seguimento e vixilancia» cun «contacto constante coas oficinas agrarias» para intervir se é necesario.

Reunión en Madrid

Mentres tanto, o Ministerio de Medio Ambiente convocou para este venres ás comunidades para estudar novas medidas, como restricións de consumo, despois de que os agricultores tachasen a situación de «moi grave» en amplas zonas de Castela e León, Galicia, Asturias, Cantabria e Canarias, así como puntuais en Castela-A Mancha e Estremadura.