Imaxe:

As redes sociais e o acoso encabezan as preocupacións de pais e profesores galegos

A violencia machista tamén destaca entre as demandas de información desde os colexios


redacción / a voz

Internet e as redes sociais ocupan o primeiro lugar nas preocupacións de pais, profesores e alumnos. Así o revelan os datos do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade Escolar promovido polo Ministerio do Interior e correspondentes ao segundo trimestre do curso 2016-2017. As cifras responden á demanda de información e actividades formativas solicitadas polos membros da comunidade escolar. Así, as novas tecnoloxías, onde se engloban Internet e as redes sociais, son as que requiren de máis información, en forma de charlas e talleres educativos, por parte dos centros educativos, de tal forma que no segundo trimestre escolar, que se corresponde co primeiro trimestre deste ano, realizáronse máis de 524 accións formativas nos colexios por parte de axentes policiais e de especialistas en informática e en redes sociais. O acoso escolar é o seguinte aspecto máis demandado por pais, profesores e alumnos, ao que seguen a violencia machista, as drogas e o alcol e, en menor medida, as bandas xuvenís. En total, nas actividades participaron máis de 80.000 membros da comunidade educativa de Galicia.

Mediante este plan director, os responsables dos centros educativos teñen acceso permanente a un experto policial para abordar problemas sobre seguridade e a convivencia escolar.

A comisión de seguimento do plan reuniuse onte na Coruña, presidida polo delegado do Goberno, Santiago Villanueva, quen destacou que «a crecente demanda de información reflexa que a comunidade educativa toma conciencia da gravidade de determinados problemas e da conveniencia de atallalos desde idades temperás».

Recordou que o teléfono contra o acoso escolar, o 900018018, recibiu oito denuncias desde Galicia e que os corpos de seguridade do Estado realizaron 3.680 actuacións en 57 centros galegos e desactivaron dous puntos de venda de drogas.

Votación
2 votos
Etiquetas
Acoso escolar Corpos de Seguridade Ministerio do Interior Internet Redes Sociais Violencia machista Santiago Villanueva A Coruña cidade
Comentarios