Aumenta a inserción laboral dos universitarios, pero caen os contratos indefinidos

Tamara Montero
Tamara Montero SANTIAGO

GALICIA

CESAR QUIAN

O 70,6 % dos titulados no 2013 atoparon traballo, tres puntos máis que os do curso anterior

21 abr 2017 . Actualizado ás 15:24 h.

«Tocamos fondo e agora estamos mellorando». O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, definiu así a situación laboral dos titulados universitarios de Galicia durante a presentación do avance de resultados do estudo que realiza cada ano a Acsug. A inserción laboral dos que se graduaron no 2013 é tres puntos superior á dos do 2012 ata acadar o 70,59 %. Tamén se reduce o tempo no que se tarda en atopar emprego, unha media de 9,54 meses, e crecen os salarios, que se sitúan nunha media de 1.086 euros netos mensuais.

Con todo, a calidade dos contratos é peor. A taxa de empregos indefinidos é tres puntos inferior á dos egresados no 2012 e queda no 30,45 %, mentres que os contratos en prácticas aumentan cinco puntos e son xa case o 16 % do total. O mesmo ocorre coas bolsas. O 6,3 % traballa grazas a unha, case o triplo dos que o facían no 2006 e un punto máis que os do 2012. 

A maioría dos titulados do 2013 que traballan fano en Galicia, un 78,26 %, pero aumentou a taxa dos que exercen fóra da comunidade. O 16,7 % ten un traballo en España e outro 5 % colocouse noutro país.

A satisfacción cos estudos cursados é maioritaria. Tres de cada catro egresados cursaron a titulación que querían e o 90 % volvería escoller a mesma carreira. Ademais, o 85,6 % afirma que volvería cursala na mesma universidade.