A temperatura chegará aos 30 graos na primeira parte e será máis fresca ao final

S. a. REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

M.MORALEJO

Do luns ao xoves mantéñense os ceos poucos nubrados ou despexados e a partir de venres haberá algunhas nubes máis, pero a probabilidade de choivas é baixa

07 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Se se cumpren os prognósticos, Galicia tamén terá unha boa Semana Santa en canto a tempo refírese. Para esta fin de semana agárdanse mesmo temperaturas altas para a época: «Haberá tempo de verán», explica Francisco Infante, delegado da Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) en Galicia e meteorólogo. No sur da comunidade poderanse acadar os 30 graos, tamén en zonas de interior. Mentres que no norte, oscilarán entre os 20 e 25 graos.

Do luns ao xoves, mantéñense os ceos poucos nubrados ou despexados, aínda que pode haber nebulosidade de estancamento no extremo norte da provincia da Coruña e Lugo: «As temperaturas serán algo máis baixas, aínda que seguirán sendo altas para a época do ano na que estamos», indica Infante.

Desde o vindeiro venres ata o domingo, do 14 ao 16 abril, hai algo máis de incerteza nas previsións. Aemet explica que haberá algo máis de nebulosidade, aínda que a probabilidade de precipitación é baixa: «O máis probable é que o tempo sexa estable, que se manteña seco e asollado, cunhas temperaturas algo máis baixas. Entre os 17 e 20 graos no norte, e sobre os 25 no sur da comunidade», conclúe Infante.