Tráfico detecta en só unha semana 363 galegos sen cinto

José Manuel Pan
josé manuel pan REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Sistemas de retención infantil
La Voz

Na última campaña de control, a Garda Civil denunciou 13 casos de nenos que viaxaban sen sistemas de retención infantil

31 mares 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A última campaña de control do uso do cinto de seguridade deixa datos preocupantes en Galicia. A Garda Civil de Tráfico detectou 363 infraccións en só unha semana por non utilizar o dispositivo de seguridade. Trece das denuncias foron por menores que non usaban sistemas de retención infantil. Estes son algúns aspectos da normativa sobre eses dispositivos.

Menos de 1,35 de alto

Só en asentos traseiros. É a regra básica. Os menores de idade que midan menos de 1,35 de alto teñen que usar obrigatoriamente sistemas de retención infantil (sillitas de neno) adaptados á súa idade e talla e deben viaxar nos asentos traseiros. Só poden ir diante, pero cun sistema adaptado, cando o coche non teña asentos traseiros ou estes estean ocupados por outros menores, ou cando non se poidan instalar todas as sillitas detrás. Os axentes poden inmobilizar un vehículo con menores que non usen sistemas de retención.

Multa de 200 euros

E 3 puntos se é condutor. O condutor e os pasaxeiros dos vehículos están obrigados a utilizar os cintos de seguridade, ou no seu caso os sistemas de retención infantil, debidamente abrochados. Incumprir esa obrigación é unha infracción grave que está castigada cunha multa de 200 euros. Se o infractor é o condutor, perderá ademais 3 puntos do carné.

Multa ao pasaxeiro

Salvo en caso de menores. Cada ocupante dun vehículo é responsable de non utilizar o cinto de seguridade. Xa que logo, a denuncia e a multa de 200 euros serán para a persoa que non o use. O condutor só será o responsable se o pasaxeiro que non utiliza o dispositivo de seguridade é un menor.

Permitido sen cinto

Dando marcha atrás. O artigo 119 do Regulamento Xeral de Circulación establece as exencións á norma do cinto de seguridade. Unha das máis rechamantes é esta: os condutores non están obrigados a telo posto durante a manobra de marcha atrás ou de estacionamento.

Os taxistas, exentos

E poden levar menores. Os taxistas poderán ir sen cinto cando estean de servizo en zona urbana, onde tamén poderán transportar a menores de menos de 1,35 metros sen dispositivos de retención adaptados á súa talla e ao seu peso, pero sempre que ocupen un asento traseiro.

Repartidores, tamén

En tramos curtos. Tamén están exentos de utilizar o cinto os repartidores de mercancías en distancias curtas durante a carga e descarga.

E as urxencias

En servizo. Tampouco teñen obrigación de usalo os condutores e pasaxeiros de vehículos de urxencias cando acudan a un servizo en zona urbana.

As autoescolas

O profesor, exento. Cando imparta clases de condución en poboado e utilice pedais adicionais, o profesor pode ir sen cinto de seguridade.