Unha fronte traerá choivas xeneralizadas á comunidade a partir de mañá

GALICIA

Javier Etxezarreta | efe

A fin de semana, Galicia quedará nunha zona de transición e agárdase que o domingo chegue un anticiclón e traia tempo seco e asollado

29 mares 2017 . Actualizado ás 15:35 h.

As baixas presións situadas ao noroeste da comunidade traerán unha fronte fría que entrará mañá pola tarde en Galicia. Con esta situación, agárdanse choivas na fachada atlántica durante a tarde e xeneralizadas en toda a comunidade pola noite. Ocasionalmente, poden ter carácter tormentoso, segundo informa Meteogalicia. As temperaturas mínimas experimentarán un lixeiro ascenso, mentres que as máximas se manterán sen cambios significativos ou sufrirán mesmo lixeiros ascensos. Os ventos soprarán moderados de compoñente sur, con intervalos fortes no litoral atlántico e en zonas altas. Tamén haberá mar de fondo con ondas de máis de catro metros no litoral de Pontevedra e A Coruña.

O venres volverá chover en practicamente toda Galicia pola tarde. Os ceos estarán nubrados na primeira metade do día e pola tarde haberá chuvascos xeneralizados. A cota de neve situarase nos 1.200 metros pola noite. As temperaturas sufrirán un moderado descenso, máis acusado as horas centrais do día. E os ventos serán fortes no litoral e moderados no interior. A fin de semana, Galicia quedará nunha zona de transición entre as altas presións e as borrascas. Agárdase que o domingo chegue un anticiclón e traia tempo seco e asollado.