Os aspirantes a liderar o PSOE pugnan polo legado de Besteiro

Domingos Sampedro
domingos sampedro SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Ed

Os equipos de Patxi López e Susana Díaz buscan plataforma de enganche en Galicia entre os exsanchistas

26 feb 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Ten certo mérito que Besteiro conservase durante case un ano o mando no socialismo lucense, coa ramificación que entrou na provincia da Coruña polas Pontes, sendo tan só un militante de base. Fíxoo afastado dos focos, sen galóns e relamiéndose a ferida das dez imputacións xudiciais que provocaron a súa caída como secretario xeral do PSdeG. E ese influxo que mantivo na sombra foi crucial para gañar as primarias coa súa aposta por Leiceaga, cortándolles o paso ás aspiracións do alcalde de Vigo e os seus aliados. No entanto, esa etapa chegou ao seu fin. Agora que os herdeiros políticos de Besteiro abriron as plicas para repartirse o seu legado, os aspirantes a tomar o mando do partido en Ferraz despregan os seus dotes de sedución cos descendentes, sabedores de que a chave mestra da maioría en Galicia se custodia na cidade das murallas.

É por iso polo que tanto os hacedores de Patxi López como os de Susana Díaz teñen un interese estratéxico por Lugo, provincia na que Pedro Sánchez se alzou con 7 de cada 10 votos dos militantes nas primarias do 2014. Lugo, e por extensión Galicia, erixiuse nun bastión do sanchismo por obra e graza de Besteiro, que en contrapartida recibiu tantas veces o apoio de Sánchez no seu viacrucis xudicial.

Todo iso está a mutar moi rapidamente. A casualidade fixo coincidir esta semana dous movementos que simbolizan o fin do besteirismo, corrixindo dous desaguisados provocados polo exlíder do PSdeG. Dun lado, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, anunciou a súa intención de derrubar as torres do Garañón, planificadas na etapa na que Besteiro era concelleira de Urbanismo para converterse despois na súa tumba política. E do outro, Darío Campos, o seu sucesor a cargo de a Deputación, emendáballe a plana a quen o levantou á presidencia ao buscar un acordo con Manuel Martínez, alcalde de Becerreá, para reincorporalo como número dous ao goberno provincial e restituírlle o carné do PSOE con honras.

Son dous xiros relevantes no micromundo do PSOE galego. Lara Méndez sacódese a laxa máis pesada do seu mentor e Darío Campos pasa de ser un presidente circunstancial a gañar uns cantos galóns a base de dotar de maior estabilidade ao goberno da Deputación de Lugo, tarefa central se o PSdeG quere mollar algo nas municipais do 2019.

Os cambios que se están operando no socialismo lucense suscitaron interese máis aló de Pedrafita, pois os candidatos que compiten de xeito oficial ou oficioso polo liderado federal do PSOE buscan aí unha plataforma de enganche en Galicia.

É evidente que Pedro Sánchez está a ceder terreo en Galicia, pois aínda que parece ser maioritario entre as bases, perde respaldo institucional. O presidente da xestora de Lugo, Lago Lage, delegado de Besteiro para asuntos do partido e sanchista, é agora o valedor galego de Patxi López, a quen tamén se aproximou a outrora sanchista Pilar Cancela.

Do outro lado, foi Álvaro Santos, portavoz socialista na Deputación lucense, quen confesou que o acordo de reingreso con Martínez foi posible porque lles animaba» Ferraz, é dicir, os alfiles de Susana Díaz, que tamén queren gañar adhesións en Galicia pola súa forma práctica de resolver as cousas.

Algo se move na provincia de Lugo, epicentro sísmico galaico, e co que alí ocorre tamén muda a correlación de forzas no PSOE galego.