Só 130 concellos coas contas claras

La Voz LA VOZ / REDACCIÓN

GALICIA

Han aprobado los presupuestos para el 2017?
La Voz

Unha trintena de concellos con alcaldes sen maioría absoluta lograron aprobar os orzamentos do 2017, mentres que noutros 111 nos que a oposición é minoritaria, seguen sen a súa guía económica

05 feb 2017 . Actualizado ás 13:57 h.

A Lei Reguladora das Facendas Locais establece unha obrigación aos concellos: que o pleno da corporación aprobe de xeito definitivo o orzamento do exercicio seguinte antes do 31 de decembro de cada ano. A lei non está acompañada de mecanismo algún que se active fronte aos consistorios que non cumpran a norma, aínda que habilita a prórroga automática das mesmas cifras e partidas do ano que se conclúe tamén para o seguinte se non aprobaron uns novos orzamentos. Ames e Gondomar repiten as mesmas contas desde o 2012, Padrón, desde o 2014, por exemplo.

Nesta situación atópanse a gran maioría dos concellos galegos, acostumados polo xeral a tomarse con calma a confección do seu documento económico, condicionado polas reparticións que fagan a Administración autonómica e a estatal. Mentres a Xunta está a dar os últimos pasos para activar as súas contas do 2017, o Estado non o fará ata marzo ou abril, e esa situación está a prexudicar aos concellos, que nin coñecen a contía das transferencias que van recibir, nin o incremento salarial que deberán aplicar aos seus persoais. A maiores, moitos non saben tampouco a distribución dos plans e subvencións das deputacións, básicos para os seus investimentos.

Dos 313 concellos de Galicia só 130 xa xestionan cos números pensados para este ano. É o caso de Vimianzo : aprobáronse os orzamentos do 2016 antes do 31 de decembro do 2015 e os do 2017 figuran xa no BOP do 27 de decembro do 2016. «Está claro que desde que temos maioría absoluta cumprimos as nosas obrigas», explica o rexedor, Manuel Antelo (Adiante Vimianzo). Lembra que nos catro anos que gobernou en minoría aprobou os orzamentos do 2012 por medio dunha cuestión de confianza e, para o 2015, «en minoría coa ausencia da oposición tras intentalo tres veces». «É máis, dende antes do 2011, arrastramos todos os anos recoñecemento extraxudicial de créditos por máis de 250.000 euros. Cos orzamentos do 2016 conseguimos reducilo a 35.000, nun contexto do 99 % de execución», detalla.  

Os outros 183 concellos galegos móvense entre presentalos en breve ou adaptarse aos do ano pasado, despois de que se derrogase a posibilidade de aprobalos en xunta de goberno se se acumulaba un exercicio coas contas prorrogadas.

Contar con maioría absoluta non se traduce nunha aprobación de orzamentos en tempo e hora, do mesmo xeito que non gozar na alcaldía desa marxe tampouco implica non poder sacalos adiante.

Ata 111 concellos nos que o partido do alcalde conta coa metade máis un dos edís da corporación non presentaron aínda os seus orzamentos para o 2017. Oitenta rexedores do PP con maioría absoluta non aproveitaron esa vantaxe para cadrar as súas contas; como tampouco 19 do PSOE; 7 do BNG; 4 independentes, e un de En Marea. Tampouco o último en nacer Cotobade-Cerdedo estreou o ano coas contas claras, a prioridade, di o alcalde, foi ver as sinerxías entre os dous territorios fusionados e atender as necesidades sociais.

Vinte e nove son os rexedores en minoría que lograron pactos para aprobar as súas contas.

Son 22 os concellos que disporán este ano de menos diñeiro que o pasado (Irixoa e A Capela son os que máis reducen), os demais crecen, con Santiso e Mondariz-Balneario na cabeza.

Información de X.R. Penoucos; J.M. Palacios; M. Cobas; C. Ponce; L.C. Llera; M. Cadrado; I. Eiroa; S. Barral; T. Silva; D. Vázquez; M.T. Rodríguez; M. Gago; C. Barral; S. Serantes; C. Cortés; S. González; E. Araújo; M. Afonso; C. Elías; M. Meizoso; P. Blanco ; J. Benito; B. Capelán; A. Gerpe; S. Garrido; J. Alonso; B. Costa; M. Santaló; E. Souto; E. Silveira; A. Cuba; R. Pita; E. Forján; N. Noguerol; U. López, e C. Punzón.