Diana Quer e 2.176 desaparecidos máis

José Manuel Pan
josé manuel pan REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Interior tramitou 14.000 denuncias este ano en España. Máis de dous miles seguen activas

25 sep 2016 . Actualizado ás 11:28 h.

Diana Quer é a persoa máis buscada de España. Nada se sabe dela desde a madrugada do 22 de agosto. A repercusión mediática deste caso é extraordinaria. Os seus pais, separados, ofreceron roldas de prensa diarias e deixáronse ver nas televisións. «Non hai desaparecidos de primeira e de segunda», dicía o mércores a nai de Diana. E poida que sexa así, aínda que non o pareza. O que si hai son diferenzas en canto á cualificación dos casos. «Non é o mesmo unha desaparición dun menor de idade que a dun adulto que deixou unha nota dicindo que se marcha voluntariamente», explican fontes do Ministerio do Interior para argumentar os motivos do desvío de máis recursos cara a unha denuncia que cara a outra.

Pero sempre se busca, aseguran as mesmas fontes. No que vai de ano tramitáronse máis de 14.000 denuncias en España. A maioría cancélanse porque o desaparecido é achado ás poucas horas, vivo ou morto. Pero de moitos casos non se sabe nada. Son os 2.177 que están incluídos na base de datos de persoas desaparecidas e restos humanos. Son as denuncias activas, os casos que se manteñen abertos ata que alguén confirma que se pechou.

Aí aparece Diana Quer. Pero tamén Iván Durán, o veciño de Baiona de 30 anos que desapareceu da súa casa tres días despois que Diana. Para buscalo fixéronse batidas veciñais e a Garda Civil destinou un grupo de axentes con cans adestrados, pero aínda non hai rastro deste home, que mide dous metros de alto. Un dos últimos en entrar nesa lista é Alejandro Carballude, un veciño de Pantón (Lugo), de 37 anos, que falta da súa casa desde o pasado martes. E Manuela Chavero, unha muller de 42 anos, nai de dous nenos pequenos, que desapareceu misteriosamente da súa casa unha madrugada do pasado mes de xullo en Monesterio (Badaxoz).

O dos desaparecidos é un problema social de tal magnitude que os responsables de Interior buscan a colaboración doutros organismos do Estado e das comunidades autónomas, e de asociacións e fundacións que dedican os seus esforzos á procura de persoas das que nada se sabe. Unha das máis activas é SOS Desaparecidos, unha asociación nada en Murcia e que canaliza as procuras e difunde a través das redes sociais a información sobre os desaparecidos. Nas súas listaxes, dispoñibles a través da súa web, figuran decenas de galegos dos que non se sabe nada. Entre eles, Sonia Iglesias, a pontevedresa desaparecida en agosto do 2010 cando ía traballar.

Todos son casos abertos. Pero as cifras varían constantemente, cada día, cada hora. A base de datos de desaparecidos ofrece unha radiografía da realidade, pero non é exacta. «Hai moitos casos nos que a persoa aparece, pero o familiar que puxo a denuncia non o comunica, co que o caso segue estando activo para nós», afirman desde Interior.

Na base de datos non só hai datos de persoas desaparecidas. Este rexistro inclúe tamén información sobre restos humanos que foron atopados e que non puideron ser identificados. Hai cadáveres, ósos, guechos de pelo, restos de sangue, de saliva... Cando un policía introduce os datos dunha denuncia por desaparición, un programa informático cruza esa información cos perfís gardados e compáraos. Cando hai algunha coincidencia o caso reactívase ou, no seu caso, dáse por concluído.

Unha desaparición ten sempre a máxima prioridade para os corpos de seguridade. E tena porque xa son demasiadas as veces en que os casos se pechan cunha traxedia.