Tras varias sentenzas na súa contra, a Xunta devolverá parte da paga extraordinaria correspondente a dous meses do ano 2013

j. c. SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

CARLOS FOLGOSO.

A metade abonarase este ano -sempre que supere a tempo a negociación laboral e o debate parlamentario- e o outro 50 % ao longo do 2017

28 may 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

Non lle vai a cambiar a vida a ningún funcionario nin se lle borrará o desgusto de fai catro anos, pero polo menos percibirán con liquidez contante e sonante a recuperación parcial da paga extraordinaria fulminada no 2013. En realidade trátase dunha pequena parte, a correspondente aos meses de xaneiro e febreiro, pagas devengadas polos traballadores xa que a eliminación da extra entrou en vigor cos orzamentos daquel exercicio, aprobados o 1 de marzo.

É de xustiza, porque así o viñeron sinalando distintas sentenzas impulsadas a título particular por funcionarios, e é de lei, porque esa é a vía escollida pola Xunta de Galicia para executar a devolución. Así o plasmou o Executivo autonómico nun documento trasladado aos sindicatos sobre o que comezarán a negociar de xeito inmediato. O debate será máis amplo, pero ese punto de partido dáse por amortizado, porque con todos os filtros preelectorais que se queiran, a noticia caeu ben entre os representantes dos traballadores públicos, que sin duda tratarán de continuar coa reconquista salarial.

A medida, ao tramitarse como proxecto de Lei a través do Parlamento, permite estender a devolución ao persoal funcionario, persoal laboral, persoal estatutario de sanidade, docentes -incluídos os universitarios e de ensino concertado- e os traballadores de entidades instrumentais, os chamados chiringuitos públicos. Esta vía evita á súa vez que os funcionarios teñan que recorrer aos xulgados individualmente e supón vincular o pagamento ao exercicio no que se recibe o importe, porque doutro xeito cada funcionario debería facer unha declaración complementaria do IRPF do ano 2013.

A devolución producirase en dous prazos. A metade abonarase este ano -sempre que supere a tempo a negociación laboral e o debate parlamentario- e o outro 50 % ao longo do 2017. Será un trámite «rápido», segundo apuntan desde a Consellería de Facenda, e para a Administración suporá un desembolso total duns 25 millóns de euros, cun importe medio de 180 euros por traballador.