O TSXG tamén cuestiona nunha sentenza a limpeza en procesos selectivos da Xunta

s. l. SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Dá a razón a unha opositora que participou nun proceso selectivo de consolidación de emprego

14 abr 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

A limpeza de oposicións da Xunta volve ser cuestionada por un fallo xudicial. Esta vez, o Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) emitiu unha sentenza na que dá a razón a unha opositora que participou nun proceso selectivo de consolidación de emprego para ingresar no corpo superior da Xunta (subgrupo A1), e cuxa petición de revisar a súa nota e motivar debidamente a puntación que se lle outorgou non foi atendida. O TSXG obxecta que o tribunal de selección respondeu cun informe que incluía referencias xenéricas aos criterios empregados na corrección, sen precisar por que daban lugar á cualificación outorgada. O TSXG di que «a falta de motivación do resultado se patentiza aínda máis se se ten en conta que quen asina devandito informe non é unha das persoas que formou parte do tribunal que avaliou á opositora».

Esta sentenza súmase ás dúas emitidas nos últimos meses polo Supremo, que fallou que o tribunal de selección doutras probas da Xunta «escapa a todo tipo de control». Ante estes fallos, CSIF insiste en pedir a figura do «observador sindical», e Facenda esgrime que o Estatuto Básico do Empregado Público prohíbeo.