A xunta de persoal da Xunta pídelle que devolva parte dunha extra do 2013

S. L. SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

Santi M. Amil

Os afectados polo recorte son 100.000 empregados da Administración autonómica e das tres universidades galegas

08 abr 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

A xunta de persoal dos servizos centrais da Xunta, na que están representados os catro sindicatos, reclamou ao Goberno autónomo que devolva aos 100.000 empregados da Administración autonómica e das tres universidades afectados polo recorte das pagas extraordinarias, o importe equivalente á parte da extra de xuño do 2013 que os traballadores xa habían devengado cando entrou en vigor a Lei de Orzamentos pola que suprimiu o complemento específico desas pagas.

En concreto, a xunta de persoal faise eco da primeira sentenza do Supremo en relación a este asunto. Ademais, lembra que o Tribunal Superior de Xustiza (TSXG) fallou favorablemente ás reclamacións subsidiarias do persoal laboral. Neses casos, puntualiza a xunta de persoal, non se admitía a devolución total do recorte nas pagas do 2013, pero si da parte devengada ata a entrada en vigor da Lei de Orzamentos daquel exercicio. Pero tamén no ámbito do persoal funcionario rexistráronse moitas sentenzas individuais a favor das reclamacións de empregados por ese mesmo motivo, tanto no plano educativo, como no sanitario, corpos xerais e persoal laboral.

Facenda e a súa folla de ruta

Ante esta situación, a xunta de persoal sostén que a Xunta «está embarcada nunha espiral de recursos co obxecto de atrasar todo o posible o inevitable e sen máis expectativas que gastar os cartos da cidadanía en reclamacións estériles xudicialmente». Por iso, urxen a Facenda a reintegrar «canto antes» a parte da extra de xuño do 2013 devengada para «aforrar custos e recursos públicos á cidadanía».

Fronte a esta demanda, Facenda, que actuou de forma individual ante cada fallo xudicial, esgrime que xa conta cun compromiso para empezar a pagar as extras íntegras a partir de xaneiro do 2017. A Xunta, que non ten previsto reintegrar o importe correspondente ao complemento específico desas pagas do período 2013-2016, acabará así co agravio dos seus empregados e das universidades respecto ao resto de traballadores públicos de Galicia (55.000), que non sofren ese recorte.