A Xunta promove medidas para favorecer a conciliación laboral dos seus empregados

La Voz REDACCIÓN

GALICIA

XOÁN A. SOLER

Todas elas van dirixidas a mellorar a calidade de vida das embarazadas, a aquelas que estean en período de lactación e aos traballadores enfermos

29 feb 2016 . Actualizado ás 05:00 h.

O persoal da Xunta de Galicia poderá beneficiarse de novas medidas para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar. Todas elas van dirixidas a mellorar a calidade de vida das mulleres embarazadas, a aquelas que estean en período de lactación e aos empregados públicos enfermos que requiren asistencia periódica en centros médicos.

As medidas foron dadas a coñecer onte nun comunicado onde indica que haberá, por exemplo, un novo «permiso preparto» de carácter retribuído «para funcionarias que comezará o primeiro día da semana 37 de embarazo e prolongarase ata o día do parto, e a partir da semana 35 en caso de embarazo múltiple.

En canto ao período de lactación do bebé, poderán obter un permiso con independencia de que o outro proxenitor non traballe.

Ao mesmo tempo para aqueles empregados que deban someterse a tratamentos de radioterapia ou quimioterapia, a Xunta di que permitirá a adaptación da súa xornada laboral para facilitar a súa reincorporación ao posto de traballo.

Esta medida poderá durar ata un mes tras a alta médica e poderá afectar a unha redución de ata un 25 % da xornada laboral.