O avogado Conde-Pumpido pide que lle traduzan unha denuncia porque non entende o galego

Unha vez reciba o documento traducido ao castelán, o letrado de Gómez Besteiro terá dez días para formular alegacións


Lugo / La Voz

O avogado do secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, no caso Garañón, Cándido Conde-Pumpido Varela, solicitou que lle traduzan a denuncia formulada contra el por un compañeiro porque está redactada en galego e non entende o idioma.

Segundo confirmaron fontes do Colexio de Avogados de Lugo, Conde-Pumpido solicitou a tradución das alegacións formuladas polo seu compañeiro, o letrado ourensán Xulio López Ferro, que representa á Asociación en Defensa das Costas do Parque, alegando que non entende o contido.

Unha vez que reciba a denuncia traducida ao castelán, Conde-Pumpido terá dez días para formular alegacións ante o Colexio de Avogados, que decidirá, unha vez que coñeza a versión das dúas partes, si arquiva o caso, ou si pola contra, abre un expediente disciplinario ao letrado e nomea instrutor.

Por unha declaración

As queixas de Xulio López baséanse en que Conde-Pumpido escusou a súa presenza en Lugo na toma de declaración a dúas persoas no caso Garañón, nas que estivo presente unha compañeira de despacho. Con todo, o letrado que forma parte dunha coñecida familia de xuristas da Coruña, si estivo presente ese mesmo día nunha terceira declaración, a través de videoconferencia, desde Madrid.

Segundo o denunciante, Conde-Pumpido estivo interrompendo a declaración da testemuña en varias ocasións. Tamén se queixou ante o Colexio de Avogados que se decata dos pasos procesuais do defensor de Gómez Besteiro a través dos medios de comunicación.

Votación
36 votos
Comentarios