Menos funcionarios e peor pagos

serafín lorenzo SANTIAGO / LA VOZ

GALICIA

José Pardo

Os recortes rebaixan o gasto da Xunta en persoal en 340 millóns en 4 anos

09 sep 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

A intensa axenda de recortes que a Xunta aplicou nos últimos anos no ámbito do emprego público abaratou o seu persoal. En só catro anos, o Executivo de Feijoo rebaixou a partida destinada a gastos de persoal en 339,5 millóns. Dos 1.921,6 que investiu no 2009 pasou a 1.582,02 no 2013, segundo os datos das liquidacións da conta xeral que o Consello de Contas recolle no seu último informe de fiscalización. Esas cifras evidencian, con todo, que a Xunta encareceu o seu persoal en 120 millóns no 2008, coincidindo co estalido da crise, para iniciar despois os axustes.

A tesoirada no gasto de persoal tivo lugar nun contexto marcado polo alixeiramento do persoal ao servizo da Administración autonómica. Os límites impostos nas taxas de reposición foron determinantes na supresión de máis de 4.100 empregos entre xaneiro do 2010 e o mesmo mes do 2013. Pero nesa rebaixa dos gastos da Xunta no seu cadro de persoal tamén sumaron as restricións sobre as retribucións e as condicións laborais do funcionariado. O efecto do recorte do 5 % que arrastran nas súas nóminas desde xuño do 2010 (por decisión do Goberno Zapatero ) e da retirada da extra de decembro do 2012 (imposta polo Goberno Rajoy) agravouse entre o persoal da Xunta e as tres universidades pola diminución das dúas pagas extras que o Executivo de Feijoo empezou a aplicar no 2013.

Os datos das liquidacións que Contas incorpora no seu informe constatan que o groso do recorte nos gastos de persoal céntrase nos funcionarios, con 266 millóns dos 339,5 rebaixados entre o 2009 e o 2013. De acordo coas cifras compiladas polo fiscalizador, que non inclúen ao persoal do Sergas (con 33.331 traballadores en xaneiro deste ano), a Xunta tiña 6.216 funcionarios menos no 2013 que no 2009. Nese período, a diminución entre o persoal laboral foi de 2.539 empregos.