A Xunta nega que os recortes teñan aumentado a sinistralidade dos empregados públicos

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

GALICIA

Di que a cifra de accidentes, uns 400 ao ano, mantívose estable

29 may 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

As medidas de axuste económico que se puxeron en marcha para facer fronte á crise non tiveron «relevancia significativa» nos accidentes laborais sufridos polo persoal da Administración autonómica galega. Asegurábao onte o director xeral de Función Pública da Xunta, José María Barreiro, quen engadía que a posta en marcha da lei de medidas temporais en determinadas materias de emprego público da comunidade autónoma de Galicia no ano 2012 non tivo unha especial repercusión nos sinistros laborais que tiveron lugar desde entón. Aínda que esa lei se prorrogou durante este ano 2015, o director xeral apuntou que neste momento se están negociando algunhas melloras nas condicións dos empregados públicos.

Barreiro fixo estas consideracións no seo da comisión institucional do Parlamento de Galicia en resposta a preguntas da deputada do Bloque Nacionalista Galego Tereixa Paz, que denunciou a «deterioración» das condicións nas que desenvolven o seu traballo empregados dos centros dependentes da Consellería de Traballo e asegurou que esta situación estaba mesmo repercutindo sobre a calidade dos servizos. A este respecto, o director xeral dixo que onte mesmo mantivo unha reunión coas organizacións sindicais co fin, precisamente, de tratar de chegar a un acordo que mellore as condicións nas que ese persoal desenvolve o seu traballo.

O departamento de Función Pública cifra nuns 400 accidentes anuais os que se producen no ámbito da Administración galega, unha cifra que se mantivo estable desde o 2010 ata o 2014, é dicir, en anos nos que non se aplicaban os recortes e anos nos que si. Xa que logo, a súa conclusión é que non se pode afirmar que as medidas anticrises haxan influído no conxunto dos accidentes.

Amortización de postos

O director xeral negou tamén a acusación dos sindicatos, trasladada igualmente polo BNG, relativa a 670 amortizacións de postos de traballo. Segundo Barreiro, entre o 2009 e o 2015 houbo 519 creacións de prazas e 406 amortizacións. Un saldo positivo, xa que logo, de 113 empregos. Barreiro, ademais, indicou que os servizos que presta a Administración non se viron mermados, e reivindicou a creación de prazas desde o anterior mandato e o esforzo realizado para garantir uns servizos públicos de calidade.