Do Casco Vello á gran fogata da praia de Panxón

TEXTO: JORGE LAMAS

FUGAS

23 jun 2017 . Actualizado ás 05:05 h.

A noite de San Xoán en Vigo ten os seus principais focos de interese no Casco Vello da cidade, no recheo de Bouzas e nas praias, aínda que neste caso, hai que lembrar que está prohibido facer fogueiras nos areais. Os veciños da zona histórica lograron consolidar unha festa distinta ao pór na rúa a diversos personaxes do que sería unha reunión de bruxas. Todos os actores son veciños da zona que achegan unha visión do que poderían ser ritos precristianos.

Pola súa banda, na vila de Bouzas volverase concentrar unha gran cantidade de persoas para vivir as fogueiras de San Xoán nun ambiente semi de praia. Neste caso, os organizadores da festa son os veciños co apoio da hostalería boucense. Aquí o ambiente tamén é moi familiar e agradable debido á amplitude do espazo elixido para celebrar a noite máis curta do ano.

Outras zonas de Vigo contan con autorización para realizar fogueiras, sempre acompañadas de postos de venda de sardiñas e viño do país. Desde hai uns anos, son moitos os mozos que acoden ás praias do municipio para dar renda solta á festa dunha forma menos organizada, aínda que a prohibición de facer fogueiras resta ánimos. Non ocorre o mesmo esa noite no municipio de Nigrán. A praia de Panxón congrega a miles de persoas ao redor das numerosas fogueiras que se acenden na praia.