A cara oculta do luxo

TEXTOS: CLÁUDIA MORÁN

FUGAS

16 jun 2017 . Actualizado ás 05:50 h.

Asociar o diñeiro e o luxo á alegría e a tranquilidade é un pensamento moi común, pero non sempre é verdadeiro. Para mostra, Riviera, a nova serie que se estrea hoxe en Movistar Series e que reflicte que o luxo tamén ten a súa cara oculta. E escura. A actriz Julia Stiles interpreta a Georgina, unha amante da arte felizmente casada co multimillonario Constantine Clios (Anthony LaPaglia). A súa vida na Riviera francesa é idílica, salvo pola dificultade de lidar cos tres fillos del, Christos (Dimitri Leonidas), Adam (Iwan Rheon) e Adriana (Roxane Duran). Ata que un día ocorre o impensable: Constantine morre traxicamente tras unha explosión nun iate no que non debería estar. Ou, polo menos, iso é o que a protagonista cre.

A partir dese momento, a ficción convértese en todo un thriller policial no que Georgina descubrirá que o diñeiro do seu marido non era todo o limpo que cría. O escuro mundo que se abrirá ante ela, e cuxas regras dificilmente poderá controlar, obrigaraa a buscar a axuda da exmuller de Christos para pescudar quen son en realidade os socios de Constantine. Riviera, creada polo cineasta Neil Jordan (Os Borgia), é unha produción europea rodada nas privilexiadas paraxes da Costa Azul francesa. A historia está escrita por John Banville (ou Benjamin Black), a quen se lle concedeu o Príncipe de Asturias das Letras no 2014.