A pegada imperecedera do terror de Poe

FUGAS

28 abr 2017 . Actualizado ás 05:40 h.

Unha das noticias máis felices que trouxeron os últimos anos á edición en España foi a aparición, da man dalgúns selos independentes, de novas traducións de textos clásicos da literatura universal. E en Galicia temos a fortuna de contar coa responsable dalgunhas das mellores versións directas do inglés do actual panorama editorial español: a coruñesa Susana Carral.

Seu foi o descomunal traballo de trasladar ao castelán a marabillosa saga dos Forsyte, do nobel británico John Galsworthy, para Reino de Cordelia. Agora volveu a preparar para o selo madrileño unha exquisita tradución de Dez contos de terror, de Edgar Allan Poe, textos seleccionados por Luis Alberto de Conca e ilustrados por María Espello. Aínda que todos gardamos na memoria a formidable tradución de Julio Cortázar dos relatos de Poe, esta nova versión, máis próxima ao orixinal inglés, permite ao lector contemporáneo reencontrarse directamente -sen a poderosa intermediación de todo un Cortázar, que inevitablemente impregnaba do seu fabuloso estilo todos os textos que tocaba- con algúns dos relatos máis memorables da narrativa de todos os tempos.

Porque se Poe se foi á Rue Morgue para inventar o relato policíaco tal e como o coñecemos ata agora, todo conto de terror leva tamén a súa pegada imperecedera. Volvemos aquí a estremecernos con textos como Berenice ou Ligeia, a deixarnos posuír pola decadencia co afundimento da casa Usher, a sentir a chegada do fin coa máscara da Morte Vermella e a albiscar certos túneles de ida e volta entre a vida e a morte na verdade do caso do señor Valdemar. Se un quere sentir ese terror que se filtra baixo a pel, ata as entrañas mesmas, basta con reler os finais irremediables do corazón delator ou O gato negro; pode palpar a angustia infinita do enterro prematuro ou percorrer as húmidas catacumbas dos Montresor ata desvanecerse na noite do barril de amontillado.

Aínda que, por suposto, nada como o remate do pozo e o péndulo. Un final escrito coa navalla dun talento que non deixa de asombrarnos.