Sobre o planeta vermello e outras marcianadas

José Luis Losa

FUGAS

Internet

«Life» foi o último título de ficción en aterrar sobre a carteleira no medio dunha auténtica explosión do xénero. «A chegada», «Órbita 9» ou «Ghost in the Shell» son a proba da invasión alieníxena nos cines. A próxima, «Alien Covenant», chegará en maio da man de Ridley Scott.

21 abr 2017 . Actualizado ás 17:58 h.

O terreo de xogo das películas de contido espacial móvese, por pautar tendencias, en dúas dimensións antitéticas. Ou che invitan á vertixe do horror vacui -isto é, a órbita sen límites, o medo a expandirche na escuridade interplanetaria- ou che encerran nunha cafetera claustrofóbica, case sempre cun veciño do quinto alieníxena con peores intencións que o Demo de Tasmania. Por virnos ao cronoloxicamente máis próximo, está a sci-fi cosmonauta ao Gravity, onde os personaxes flotan nese lugar sen límites coa perspectiva tan temida de perderche na nada. E logo temos a onda da recentemente estreada Life, cunha nave moza e un pasaxeiro ilegal que non está moi pola globalización.

Non crean que esta división é cousa pouco seria: non son unha nin dous as películas de aventura cósmica onde o clímax dramático está nese momento no que o astronauta perde o seu cordón umbilical coa nave abastecedora e vaise ao corno, máis aló do liquido amniótico, cara á zona morta. O George Clooney de Gravity é unha emanación directa de dúas secuencias xa clásicas do subgénero: a de Misión a Marte (Mission to Mars, 2000), o filme de Brian de Palma no cal vemos a Tim Robbins perderse no baleiro, arrolado por unha maléfica canción de berce de Ennio Morricone na banda sonora. E outra menos lembrada, na que se inspiran as outras dúas: a de Marooned (1969), estreada aquí como Atrapados no espazo, dirixida por John Sturges, e onde un Gene Hackman hiperventilando no seu traxe de neopreno váiselle das mans a Gregory Peck, que era naquel momento o máis parecido a un deus ex machina.

Fronte a este medo pánico a que che envolva o máis aló galáctico, o outro terror favorito da sci-fi espacial é a do alieníxena realquilado. Non cabe dúbida de que a obra canónica e capolavoro desta corrente é o Alien de Ridley Scott. Curiosamente, agora que se anuncia para o próximo mes a estrea de Alien : Covenant asinado por Scott, fálase pouco desoutra proteica derivación chamada Prometheus, que o director filmou no 2012.

«THE THING»

Á beira de Alien está a outra peza mestra desta escola: The Thing (John Carpenter, 1982), á súa vez remake do enigma doutro mundo (1951), que comezou a dirixir Howard Hawks e rematou Christian Nyby. E non é anecdótica esta paternidade xenuína. Hai moito do universo Hawks no nó destas tramas de grupo humano heteroxéneo e democrático montando El Álamo, con ferros e aceiro de fortín, para plantar resistencia ao marciano comelotodo. Tamén hai que anotar ao Joseph Conrad máis escuro como inspiración deste microcosmos de naves como túmulos, de planificacións opresivas, de incubacións do Mal saíndo das entrañas parturientas de John Hurt. Non deixemos de citar como películas fillas de deus menor deste territorio Nostromo á infravalorada Horizonte final (Event Horizont, 1997) de Paul W. Anderson, que introducía elementos de H.P. Lovecraft no espazo exterior da súa nave. Á descarada e non desdeñable Species (1995, Roger Donaldson), que contaba cun team (Ben KIngsley, Michael Madese, Alfred Molina, Forest Whitaker) á altura do de Alien. Nin tampouco ao verso solto de Clint Eastwood e o seu gerontocrática Space Cowboys (2000). Ou á desatinada e pasada por auga Esfera, de Barry Levinson, que substituía o po de estrelas polo océano abisal. Hai tamén unha moi estimable variante de escenarios espaciais máis ou menos intelectualizados pero non atorrantes, caso da ameaza de Andrómeda (The Andromeda Strain, 1971, Robert Wise) ou de Naves Misteriosas (Silent Running, 1972, Douglas Trumbull).

E a quen bote en falta a ben paga 2001 (cada día que pasa asocio máis a súa suposta transcendencia coa da escritura de Paulo Coelho). Xa aviso que a min me resulta infinitamente máis divertida que a odisea megalómana de Kubrick a negacionista Capricornio Uno ( Capricorne One, 1977), onde Peter Hyams cóntanos que o da chegada á lúa, nada de nada, que todo foi unha montaxe nun estudo cinematográfico da NASA, teoría que sostiveron, por outra banda, tantas das nosas sabias tías avoas.