Valdoviño destina 120.000 euros ao servizo de socorrismo

Carla Elías Martínez
Carla Elías VALDOVIÑO

VALDOVIÑO

O Concello saca a contratación a prestación, que deberá contar polo menos con 19 efectivos e abarcará seis areais

22 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

Valdoviño prepara xa a tempada estival e o Concello é o primeiro da zona en sacar a contratación o servizo de salvamento e socorrismo dos seus areais para os meses estivais.

En concreto destinaranse 120.000 euros para o servizo que se deberá prestar nos areais de Meirás, O Baleo, Vilarrube, Campelo, O Rodo (Pantín) e A Frouxeira (incluída Outeiro). Alongarase por un período de dous meses, xullo e agosto, aínda que unha das novidades deste contrato será que se manteña os sete primeiros días de setembro nas praias da Frouxeira e Pantín. O alcalde, Alberto González, destacou que aínda que o ano pasado xa se ampliou o servizo polo bo tempo e a gran afluencia de bañistas aínda os primeiros días do mes, este ano contemplouse xa no contrato por se se repiten as boas condicións climatolóxicas e por se durante esas datas se albergan eventos deportivos.

O prego de condicións establece o mínimo de horario e persoal que deberá haber en cada areal. En concreto, o servizo estará activo en cada praia de 12 a 20 horas cada día. O areal da Frouxeira contará co maior número de persoal, seis socorristas, un deles patrón de embarcación; en Pantín haberá catro e un tamén patrón; en Vilarrube tres; e en Meirás, O Baleo e Campelo dous en cada praia. Con respecto á primeira semana de setembro, na Frouxeira deberán manterse cinco efectivos e en Pantín catro.

O Boletín Oficial da Provincia publicou o xoves o anuncio abrindo o prazo de quince días naturais para a presentación de ofertas. Outra novidade do contrato é a posibilidade de prorrogalo un segundo ano o que deixaría o servizo resolto para o 2018.

O rexedor explicou que supón un investimento de 15,88 euros por habitante, unha cifra moi significativa en comparación con Vigo, 1,20 euros, A Coruña, 1,33 euros ou ou Grove, 8,85 euros, o que converte a Valdoviño nun dos municipios que máis inviste na seguridade das súas praias.